35 novas oportunidades para coñecer o rural de Lugo e os concellos límitrofes de Rábade e O Corgo grazas as andainas organizadas polo Concello

Carmen Basadre presentou a programación gratuíta da cuarta edición do programa de visitas Terras de Auga e Cultura, que se desenvolverá todos os domingos dende o 10 de abril ao 18 de decembro

Todos os interesados poden inscribirse na Oficina Municipal de Turismo ata as 14:00 horas do día anterior da andaina

Venres, 08 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
35 novas oportunidades para coñecer o rural de Lugo e os concellos límitrofes de Rábade e O Corgo grazas as andainas organizadas polo Concello

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este venres a cuarta edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura, que inclúe un total de 35 rutas pola zona rural de Lugo e os concellos limítrofes de Rábade e O Corgo, que se desenvolverán todos os domingos, dende o 10 de abril ao 18 de decembro, excepto o 19 de xuño e o 9 de outubro, por coincidir co Arde Lvcvs e o San Froilán, respectivamente. Trátase dun programa de visitas temáticas de promoción turística para dar a coñecer o patrimonio natural, arquitectónico e cultural que se conserva nas parroquias. Deste xeito, a entidade local oferta rutas con 5 temáticas, xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño.

Tal e como deu a coñecer a edil durante a presentación, como novidade nesta edición, haberá 5 rutas con horario especial, só de mañá. Serán as andainas de xeoloxía que se realizarán polo recinto histórico de Lugo. Ademais, esta cuarta edición inclúe excursións por sete novas parroquias, sinalizadas e identificadas recentemente polo Concello. Deste xeito, as andainas deste 2016 recorrerán Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai e San Lázaro da Ponte, que se suman ás parroquias de Romeán, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda e San Pedro Mera. O Concello organizou tamén rutas accesibles para persoas con mobilidade reducida, concretamente catro.

Carmen Basadre amosou a súa satisfacción polo éxito que ano tras ano acadan estas visitas guiadas, participando o pasado ano unhas 800 persoas. “Estamos a falar dunhas rutas moi demandadas, nas que a xente que vai, repite”, asegurou a Concelleira.

Estas rutas turísticas de carácter gratuíto desenvolveranse de 10:30 a 19:00 horas, de abril a outubro,  e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno e teñen como punto de saída e de regreso o treito peonil da Ronda da Muralla, á altura da porta do Bispo Aguirre. Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, os interesados poderán inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, con prazo límite para inscribirse fixado ás 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. O número máximo de excursionistas será de 35 persoas.

Audio

  • Carmen Basadre, sobre o programa de visitas Terras de Auga e Cultura | Descargar mp3

Documento

Noticias relacionadas