O alcalde presidiu, xunto a concelleiros e concelleiras, a concentración que a FEMP convocou en todos os concellos do país, como sinal de condena e repulsa ao terrorismo.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, acompañado de concelleiras e concelleiros de todos os grupos que integran a Corporación Municipal, presidiu a concentración ante a casa consistorial convocada pola Federación Española de Municipios e Provincias, con motivo do Día Europeo das Vítimas do Terrorismo, no que se gardou un minuto de silencio, cun especial recordo aos atentados do 11 de marzo, en Madrid, no ano 2004.
O Concello de Lugo sumouse así ao resto de sedes institucionais de concellos, deputacións, cabildos e consells de todo o país, que convocados pola FEMP, quixeron unirse a esta condena unánime contra o terrorismo e como sinal de repulsa de todos os actos de barbarie.


