O Foro de Igualdade avanza por consenso na programación do 8-M e reforza o seu carácter participativo

O órgano abordou as propostas de actos para o Día Internacional da Muller coa implicación das entidades que o integran.

Entre os acordos adoptados figura a concesión do Premio Entremulleres a título póstumo a Paula Alvarellos.

“O Foro é un espazo de participación real, no que buscamos o consenso e que todas as entidades formen parte activa das decisións”, subliñou a concelleira de Muller e Igualdade, Ángeles Novo.

Venres, 13 de febreiro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Foro de Igualdade avanza por consenso na programación do 8-M e reforza o seu carácter participativo

O Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade reuniuse esta mañá no Salón de Plenos do Concello para avanzar na planificación dos actos conmemorativos do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, nunha sesión marcada pola participación activa das entidades integrantes e pola procura de acordos compartidos.

“O Foro é un espazo de participación real, no que buscamos o consenso e que todas as entidades formen parte activa das decisións”, destacou a vicepresidenta do Foro e edil de Muller e Igualdade, Ángeles Novo, quen subliñou que desde a Concellería se aposta por unha planificación construída colectivamente. “Queremos que a programación do 8-M sexa o resultado do diálogo, da achega de propostas e do traballo conxunto de todos os colectivos representados neste órgano”, engadiu.

Durante a sesión estudáronse as diferentes propostas de actos para o 8-M, configurando unha programación plural e representativa. Entre os acordos adoptados mediante votación figura a concesión do Premio Entremulleres a título póstumo á alcaldesa Paula Alvarellos, nun recoñecemento á súa traxectoria e ao seu compromiso coa igualdade. A proposta foi apoiada polas entidades con dereito a voto, rexistrándose a abstención da representante do sindicato CCOO.

No mesmo ámbito acordouse tamén impulsar a elaboración dun estudo sobre as mulleres que desenvolveron a súa actividade laboral en Frigsa, como paso previo a que no futuro este colectivo poida ser recoñecido co citado galardón.

Outro dos puntos abordados foi a organización das concentracións na contorna da árbore da vida. Neste sentido, acordouse modificar o horario actual das 12.30 horas ás 20.00 horas, co fin de facilitar unha maior participación cidadá. Así mesmo, implantouse un sistema de rotación por orde alfabética na lectura dos manifestos, de maneira que todas as asociacións integrantes do Foro poidan asumir esta responsabilidade de forma equitativa, reforzando o carácter participativo da iniciativa e evitando a súa centralización exclusiva no Concello.

Durante a reunión, Ángeles Novo deu conta tamén dos avances na tramitación para a instalación de pantallas informativas en Santo Domingo, unha petición trasladada no seo do propio Foro. A este respecto, indicou que xa se conta co visto e prace de Patrimonio e que se está a traballar nos seguintes pasos para facer realidade esta mellora.

Á sesión asistiron representantes do Goberno Local, dos grupos municipais e das distintas entidades sociais, sindicais e profesionais que integran o Foro de Participación Cidadá en materia de Igualdade, consolidando este órgano como un espazo estable de diálogo e construción colectiva das políticas de igualdade no municipio.

Audio

Multimedia

  • O Foro de Igualdade avanza por consenso na programación do 8-M e reforza o seu carácter participativo

Noticias relacionadas