A concelleira de Benestar Social participou este luns no municipio portugués de Fundão no lanzamento da iniciativa, promovida pola entidade Bussines as Nature.
“O obxectivo é crear maiores oportunidades de empregabilidade e de emprendemento para as mulleres e, por outro, contribuír á construción de cidades máis inclusivas, resilientes e sustentables”, explicou a edil.
Olga López presentou o proxecto Tecer para medrar, que se está a desenvolver no CEI-Nodus, impulsado por FADAS Lugo, co apoio do Concello.

O Concello de Lugo foi seleccionado para formar parte da rede europea de cidades Pink Circle, como municipio referente no impulso dun emprendemento feminino sustentable. A concelleira de Benestar Social, Olga López, participou este luns no lanzamento da iniciativa nun acto que tivo lugar na cidade portuguesa de Fundão e no que participaron diferentes autoridades lusas como os secretarios de estado do Ambiente e da Administración Local e Ordenamento do Territorio.
“Esta iniciativa pretende, por un lado, crear maiores oportunidades de empregabilidade e de emprendemento para as mulleres e, por outro, contribuír á construción de cidades máis inclusivas, resilientes e sustentables a través do desenvolvemento activo das mulleres”, explicou a edil, quen interviu no panel “Cidades inclusivas: a perspetiva de xénero no planeamento das cidades”.
A rede está promovida pola entidade Bussines as Nature, asociación portuguesa para a promoción da produción e consumo sostible e da economía circular. Nesta primeira fase, identificouse e implicouse a un grupo de cidades-piloto (portuguesas, europeas e de países de lingua portuguesa) –entre elas Lugo, como único municipio de Galicia–, co obxectivo de identificar potenciais oportunidades de negocio no ámbito da economía circular e da sostibilidade, tendo en atención as especificidades de cada cidade/rexión.
Como exemplo de proxecto exitoso no ámbito do emprendemento feminino Olga López presentou a iniciativa Tecer para medrar, que se está a desenvolver no CEI-Nodus, impulsada pola Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (Fadas Lugo), co apoio do Concello e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
"No 2021 cedemos a Fadas un espazo no CEI Nodus para impartir esta formación, a través da que o Concello busca impulsar a inserción socio-laboral de colectivos vulnerables, ao tempo que se tralla no desenvolvemento de habilidades blandas como a confianza e autoestima persoal”. “Durante este tempo, 38 mulleres desempregadas, e na súa maioría migrantes, pasaron polo taller e na actualidade unha decena continúan formándose”, explicou a edil.
Olga López lembrou que “recentemente quixemos dar un paso máis nesta colaboración facilitándolles un local no viveiro de empresas da Tinería durante para que puidesen dar a coñecer e comercializar as súas creacións, en concreto as enmarcadas na colección ‘Origo’, traxes castrexos de home e muller e complementos artesanais que realizaron coa supervisión da deseñadora María Barros de cara ao Arde Lucus”.
“Para o Concello Tecer para medrar é un taller prioritario porque non só dá ferramentas para o acceso ao mercado laboral a este grupo de mulleres, senón que tamén traballa a integración porque maioritariamente son colectivos de inmigrantes”, explicou a concelleira.
Tecer para medrar é a evolución de Tecer para integrar. O obxectivo desta fase é formar novas alumnas para avanzar nos coñecementos relacionados coa produción de prototipos e na posta en marcha de iniciativas empresariais. Neste senso, as alumnas contan co apoio e asistencia de persoal do CEI-Nodus para o desenvolvemento de habilidades sociais, motivación para o emprego, alfabetización dixital e recursos para as xestións con diferentes administracións.
Audio
- A concelleira de Benestar Social, Olga López, sobre o Pink Circle | Descargar mp3

