Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Lugo participa no lanzamento da rede Pink Circle, como municipio referente no impulso dun emprendemento feminino sustentable

Lugo participa no lanzamento da rede Pink Circle, como municipio referente no impulso dun emprendemento feminino sustentable

A concelleira de Benestar Social participou este luns no municipio portugués de Fundão no lanzamento da iniciativa, promovida pola entidade Bussines as Nature.

“O obxectivo é crear maiores oportunidades de empregabilidade e de emprendemento para as mulleres e, por outro, contribuír á construción de cidades máis inclusivas, resilientes e sustentables”, explicou a edil.

Olga López presentou o proxecto Tecer para medrar, que se está a desenvolver no CEI-Nodus, impulsado por FADAS Lugo, co apoio do Concello.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Desenvolvemento social,
    • Desenvolvemento local,
    • Emprendemento,
    • Igualdade
Luns, 08 de xullo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo participa no lanzamento da rede Pink Circle, como municipio referente no impulso dun emprendemento feminino sustentable

O Concello de Lugo foi seleccionado para formar parte da rede europea de cidades Pink Circle, como municipio referente no impulso dun emprendemento feminino sustentable. A concelleira de Benestar Social, Olga López, participou este luns no lanzamento da iniciativa nun acto que tivo lugar na cidade portuguesa de Fundão e no que participaron diferentes autoridades lusas como os secretarios de estado do Ambiente e da Administración Local e Ordenamento do Territorio.

“Esta iniciativa pretende, por un lado, crear maiores oportunidades de empregabilidade e de emprendemento para as mulleres e, por outro, contribuír á construción de cidades máis inclusivas, resilientes e sustentables a través do desenvolvemento activo das mulleres”, explicou a edil, quen interviu no panel “Cidades inclusivas: a perspetiva de xénero no planeamento das cidades”.

A rede está promovida pola entidade Bussines as Nature, asociación portuguesa para a promoción da produción e consumo sostible e da economía circular. Nesta primeira fase, identificouse e implicouse a un grupo de cidades-piloto (portuguesas, europeas e de países de lingua portuguesa) –entre elas Lugo, como único municipio de Galicia–, co obxectivo de identificar potenciais oportunidades de negocio no ámbito da economía circular e da sostibilidade, tendo en atención as especificidades de cada cidade/rexión.

Como exemplo de proxecto exitoso no ámbito do emprendemento feminino Olga López presentou a iniciativa Tecer para medrar, que se está a desenvolver no CEI-Nodus, impulsada pola Federación de Asociacións de Ámbito Social de Lugo (Fadas Lugo), co apoio do Concello e da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

"No 2021 cedemos a Fadas un espazo no CEI Nodus para impartir esta formación, a través da que o Concello busca impulsar a inserción socio-laboral de colectivos vulnerables, ao tempo que se tralla no desenvolvemento de habilidades blandas como a confianza e autoestima persoal”. “Durante este tempo, 38 mulleres desempregadas, e na súa maioría migrantes, pasaron polo taller e na actualidade unha decena continúan formándose”, explicou a edil.

Olga López lembrou que “recentemente quixemos dar un paso máis nesta colaboración facilitándolles un local no viveiro de empresas da Tinería durante para que puidesen dar a coñecer e comercializar as súas creacións, en concreto as enmarcadas na colección ‘Origo’, traxes castrexos de home e muller e complementos artesanais que realizaron coa supervisión da deseñadora María Barros de cara ao Arde Lucus”.

“Para o Concello Tecer para medrar é un taller prioritario porque non só dá ferramentas para o acceso ao mercado laboral a este grupo de mulleres, senón que tamén traballa a integración porque maioritariamente son colectivos de inmigrantes”, explicou a concelleira.

Tecer para medrar é a evolución de Tecer para integrar. O obxectivo desta fase é formar novas alumnas para avanzar nos coñecementos relacionados coa produción de prototipos e na posta en marcha de iniciativas empresariais.  Neste senso, as alumnas contan co apoio e asistencia de persoal do CEI-Nodus para o desenvolvemento de habilidades sociais, motivación para o emprego, alfabetización dixital e recursos para as xestións con diferentes administracións.

Audio

  • A concelleira de Benestar Social, Olga López, sobre o Pink Circle | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/lugo-participa-no-lanzamento-da-rede-pink-circle-como-municipio-referente-no-impulso-dun

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/080724_olga_lopez.-_pink_circle.mp3