Autorización autonómica en solo rústico previa á licenza urbanística

Código: 
252
Presentación: 
Presencial
Descarga

En solo rústico e para os usos indicados no artigo 36 da Lei do solo de Galicia, é previa e preceptiva a autorización autonómica, para a obtención do título habilitante municipal. A autorización solicítase ante o concello e outorgase polo órgano autonómico competente en materia de urbanismo, de conformidade co procedemento establecido no artigo 38, da Lei 2/16 do solo de Galicia e 56 do Decreto 143/2016 polo que se aproba o Regulamento da Lei. 

A solicitude de autorización autonómica debe formularse ante o Concello. Non se poderá presentar a comunicación previa nin conceder licenza sen que se acredite o previo outorgamento das autorizacións urbanísticas.

Quen o pode solicitar?

A persoa interesada lexitimada.

Que documentación hai que presentar?

1.-     DOCUMENTACIÓN XENÉRICA QUE TERÁ QUE SER PRESENTADA:

  • Tanto na presentación física como na telemática a instancia Modelo 252, que corresponde co procedemento Y022.
  • No caso de actuar en representación achegará acreditación da mesma.
  • Xustificante de pagamento dos tributos municipais. Para realizar a correspondente autoliquidación dos tributos deberá poñerse en contacto co Servizo de Facenda Local do Concello, presencialmente ou a través do correo electrónico tasasobras@lugo.gal.
  • Anteproxecto técnico, redactado por persoal técnico competente, que conteña, como mínimo, a seguinte documentación:

1.-     Memoria descritiva e xustificativa do cumprimento do establecido na Lei do solo e no Decreto 143/16, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/16 do solo de Galicia e na que se recollan e especifiquen os seguintes aspectos:

a)   Identificación e características esenciais da parcela e da súa contorna nun radio mínimo de 500 metros, que permita determinar con precisión a categoría de solo rústico que resulta de aplicación, de conformidade coa normativa e o planeamento vixente.

b)   Descrición e características esenciais do uso solicitado e xustificación do seu encadre entre os usos, de conformidade co previsto no Decreto 143/16, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/16 do solo de Galicia, debendo ser obxecto de autorización, en concreto, os previstos nas letras n) e ñ) do artigo 50.1.

c)   Xustificación da idoneidade da localización elixida e da imposibilidade ou inconveniencia de situar a edificación en solo urbano ou urbanizable coa cualificación idónea.

d)   Descrición e características das obras necesarias para a execución, conservación e servizo das actividades pretendidas.

2.-     Planos de información e das construcións proxectadas, que deberán conter:

a)   Plano de situación en relación co planeamento urbanístico vixente, obtido como copia do correspondente plano de clasificación do solo, sobre o cal se sinalará a situación da parcela e da edificación. O plano poderá ser solicitado á Oficina de Topografía do Servizo Municipal de Enxeñería, indicando a referencia catastral do ben afectado, presencialmente ou na dirección de correo electrónico planosdesituacion@lugo.gal.

b)   Plano de localización, a escala mínima 1/5.000 que permita identificar suficientemente a parcela sobre a que se vai situar a edificación, as vías públicas de acceso, as edificacións e as características morfolóxicas do terreo e do medio circundante nun radio mínimo de 500 metros.

c)   Plano acoutado da totalidade da parcela a escala mínima 1/500 que reflicta suficientemente a forma, dimensións, topografía e superficie do predio e os nomes das persoas propietarias lindeiras, e no cal se aprecien as edificacións existentes no interior da parcela, de ser o caso, a posición das vías públicas de acceso indicando o seu longo, a situación exacta da edificación solicitada, acoutando as dimensións de todas as edificacións existentes e proxectadas, a distancia a lindes e a eixes dos camiños, e a situación das instalacións a que fai referencia o artigo 59.a). Así mesmo, xustificarase que se está a respectar a condición de manter o estado natural dos terreos, ou, se é o caso, o seu uso agrario, na proporción establecida no regulamento de desenvolvemento da Lei do solo.

d)   Planos de estado actual e modificado dos perfís do terreo e da parcela en que se aprecie se a localización e situación dos edificios é a máis axeitada para garantir o menor impacto visual e a menor alteración da topografía do terreo, así como as medidas adoptadas para minimizar a incidencia das instalacións sobre o terreo, describindo e xustificando gráficamente os abancalamentos e os acabamentos dos bancais.

e)   Planos acoutados de cada unha das plantas da edificación solicitada, incluída a de cubertas.

f)    Planos acoutados dos alzados e seccións significativas en que se reflictan as alturas das construcións, a escala adecuada para que se aprecien os tratamentos das cubertas e fachadas, a morfoloxía e tamaño dos ocos, as característidas estéticas e construtivas e os materiais e acabados exteriores, así como dos valados e peches previstos para o predio.

3.-     Reportaxe fotográfica, na que se conteña:

a)   Fotografías tomadas dende o interior da parcela que, como mínimo, reflictan o existente aos catro ventos principais.

b)   Fotografías das edificacións tradicionais existentes na zona, nas que se poidan apreciar as súas características volumétricas, tipolóxicas e acabados.

c)   Fotografía da parcela tomada desde a vía á que dea fronte na que se reflicta o seu estado actual e o punto de acceso previsto.

  • Certificación catastral, descritiva e gráfica da parcela que acredite a titularidade e superficie da mesma. No caso de que o solicitante non sexa a persoa propietaria poderá acreditar o seu dereito por calquera medio de proba admisible en dereito. No caso de imposibilidade de presentar a certificación catastral, achegarase documento emitido pola Xerencia do Catastro, no que se expresará o motivo desa imposibilidade, acompañado de medición realizada por técnico competente.
  • Para os efectos de xustificar a superficie mínima de parcela, non será admisible a adscrición de varias parcelas independentes. No caso de existir varias parcelas lindeiras, será necesario achegar a escritura de agrupación destas.
  • Para os efectos establecidos polo artigo 39.e) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, considérase suficiente achegar a certificación do Rexistro da Propiedade descritiva da parcela e na que conste o seu titular e o compromiso de facer constar no rexistro os extremos indicados en dito precepto legal. De non estar inscrita a parcela, a Consellería considerará suficiente achegar o título de propiedade e certificación do asento de presentación do documento polo cal se solicita a inmatriculación do predio.
  • O documento no que se formalicen os compromisos da persoa interesada. O promotor da autorización debe asumir ao seu cargo exclusivo o compromiso de resolver os servizos necesarios e infraestruturas necesarias para a implantación da actividade solicitada, e debe prestar as garantías que lle sexan esixidas pola Administración.
  • Xustificante do abono de taxas correspondentes, mediante impreso de autoliquidación establecido ao efecto pola consellaría competente en materia de facenda, e debidamente cuberto pola entidade financeira colaboradora.

2.-     DOCUMENTACIÓN ADICIONAL NO CASO DOS EXPEDIENTES DE AUTORIZACIÓN AUTONÓMICA PARA EDIFICACIÓNS RESIDENCIAIS VINCULADAS A EXPLOTACIÓNS AGROPECUARIAS:

  • Informe ou memoria técnica sobre a explotación agropecuaria existente, elaborado por técnico competente, en que se describan as características esenciais da explotación, especificando cando menos a cantidade e tipo de cultivos producidos, o número de cabezas de gando, a maquinaria e ferramentas afectas á explotación, a man de obra asalariada ou non asalariada empregada na explotación, o tempo dedicado á actividade polo titular da explotación, e as demais circunstancias relevantes da explotación.
  • Documento de inscrición da explotación no REAGA (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia), da Consellería do Medio Rural, expedido polo órgano competente, ou rexistro equivalente en materia de explotacións agropecuarias.
  • Informe da consellería competente por razón da materia, en relación coas características da explotación e a súa consideración para os efectos previstos no artigo 52.3.b) do Decreto 143/16 polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/16.
  • Certificado de estar dado de alta no réxime da Seguridade Social correspondente pola súa actividade agraria, cando menos, durante os tres anos anteriores.
  • Informe de vida laboral, emitido polo órgano competente.
  • Copias de declaración do imposto da renda das persoas físicas dos últimos tres anos, onde se especifiquen os rendementos por actividades económicas agropecuarias como a principal fonte de ingresos da persoa titular da explotación.
  • Calquera outro medio de proba admitido en dereito que acredite a accesoriedade e complementariedade da vivienda respecto da explotación agropecuaria existente.

Como cubrir a instancia/procedemento?

  1. Deberanse cubrir todos os campos da instancia e aportar a documentación que se requira segundo o caso.
  2. En solo rústico e para os usos indicados no artigo 36 da Lei 2/16 do Solo de Galicia é previa e preceptiva a autorización autonómica para a obtención do título habilitante municipal. A autorización solicitarase ante o Concello e outorgarase polo órgano autonómico competente en materia de urbanismo, de conformidade co procedemento establecido no artigo 38, da Lei 2/16 do Solo de Galicia e 56 do Decreto 143/2016 polo que se aproba o regulamento da lei.

Onde se presenta?

No Rexistro Xeral
Centro de Servizos Municipais
Ronda da Muralla, 197
Horario: luns a venres, de 9:00 a 14:00.

Cando se presenta?

A autorización terá que estar outorgada con anterioridade a presentación da comunicación previa, ou antes da concesión da licenza urbanística.

Cal é o prazo para resolver?

Tres meses, contados desde a entrada do expediente completo no rexistro da consellería competente. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, esta entenderase  outorgada por silencio administrativo.

Canto custa?

Xustificante do abono de taxas correspondentes, mediante impreso de autoliquidación establecido ao efecto pola consellería competente en materia de facenda, e debidamente cumprimentado pola entidade financeira colaboradora.

Onde se tramita?

Servizo de Licenzas – Concello de Lugo.

 

Directorio