Numerosas actividades deportivas para esta fin de semana

O sábado disputarase o XII Trofeo de Judo e o III Torneo de Balonmán Cidade de Lugo e o domingo terá lugar a quinta proba do circuíto Corre Con Nós

Venres, 10 de abril de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Deportes, que dirixe José Manuel Díaz Grandío, informa de que este sábado celebrarase o XII Trofeo de Judo Cidade de Lugo no Polideportivo Municipal da Casa do Deporte, que organiza a Federación Galega e a Real Federación Española de Judo. Nesta competición disputaranse a fase sector oeste do Campionato de España Absoluto e a categoría sénior masculina e feminina.

O sábado tamén terá lugar o III Torneo de Balonmán Cidade de Lugo no Pavillón Municipal dos Deportes, organizado por ADC Descubrindo Lugo. Neste torneo participará a categoría de veteranos dos equipos BM Muralla de Zamora, Veteranos BM Castrillón, ADC Descubrindo Lugo, Veteranos Vallenalón, Veteranos Ademar León e Teka Santander.

Mentres que o domingo celebrarase a quinta proba do circuíto Corre Con Nós entre o Paseo de Ombreiro e As Saamasas. Terá a saída e a meta no aparcadoiro da Canteira, que está ao carón do Estadio Anxo Carro.

Nesta carreira hai un total de 3.159 inscritos entre nenos e adultos. Trátase da quinta proba que puntúa para os adultos e a sexta para os menores.

A primeira proba comezará ás 12:00 horas para os nenos da categoría mini con 340 metros. Despois terán lugar as seguintes categorías, que se celebrarán consecutivamente segundo vaian finalizando as anteriores. A categoría A conta con 650 metros, a B 1.000 metros, a C 2.000 metros e a de adultos 6.000 metros.

Noticias relacionadas