
A área de Xuventude continúa coa programación de andainas de sostibilidade e igualdade dirixidas á mocidade activa do municipio. Concretamente, as seguintes terán lugar o sábado, 8 de agosto, e o mércores, 12 de agosto, coas que se conmemorará as Mulleres na historia de Galicia, e o Día Mundial da Xuventude, respectivamente.
O número de prazas para cada unha destas camiñadas é de 25 e a hora de saída será sempre ás 10:30 horas, no Parque Rosalía de Castro –diante do busto da escritora- no caso das andainas de sostibilidade e na Praza Maior – nos soportais do Concello – para as de igualdade. Os guías locais Guido Álvarez Parga e Lidia de la Fuente serán os encargados, respectivamente, de dirixilas.
As inscricións, de xeito provisional, realizaranse a través do enderezo xuventude@lugo.gal, facilitando o nome, apelidos, data de nacemento e teléfono, achegando, con caracter obrigatorio, foto ou fotocopia do DNI/NIE/PASAPORTE. As e os menores de idade irán acompañados por unha persoa adulta.
A participación en cada andaina, que é gratuíta, seguirá a seguinte orde de prioridade e por rigorosa orde de inscrición:
- Mozos e mozas de 14 a 35 empadroados no Concello de Lugo (achegando declaración responsable de empadroamento, que o Concello poderá comprobar)
- Mozos e mozas de 14 a 35 anos, que traballen ou estuden no municipio de Lugo (achegando copia do ontrato de traballo ou matrícula do centro educativo regrado no que estuda)
- Mozos e mozas de 14 a 35 anos que residan en municipios limítrofes
- E sempre e cando queden prazas vacantes, resto de poboación non superando o 10% de prazas ofertadas en cada actividade
As datas a conmemorar con esta programación, que busca reivindicar unha cidade peonil e igualitaria, ata outono, son as seguintes:
Sostibilidade:
- 29 DE AGOSTO: SEMANA MUNDIAL DA AUGA
- 4 DE SETEMBRO: MOBILIDADE SOSTIBLE
- 19 DE SETEMBRO: DÍA MUNDIAL DA LIMPEZA
Igualdade:
- 12 DE SETEMBO: NACEMENTO DE EMILIA PARDO BAZÁN
- 17 DE OUTUBRO: DÍA MUNDIAL DA NENA E DA MULLER RURAL
- 21 DE NOVEMBRO: DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO