Urbanismo traslada 8 licenzas á Xunta de Goberno desta semana que permitirán o investimento no concello de 600.000 €

As actuacións máis destacadas son a creación dunha explotación avícola en Santa Cristina e a ampliación doutra de vacún de leite en Caínzos

O executivo de Lara Méndez autorizou tamén a concesión de 11 subvencions ao tecido asociativo local para poñer en marcha de 11 proxectos de dinamización económica

Mércores, 09 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo traslada 8 licenzas á Xunta de Goberno desta semana que permitirán o investimento no concello de 600.000 €

A área de Urbanismo Sostible daba traslado á Xunta de Goberno Local desta mañá da aprobación de 8 licenzas para diferentes actuacións no termo municipal que, conxuntamente, alcanzan un investimento de 594.744’29 euros.

As máis significativas son a construción dunha nova explotación avícola de cebo de polos campeiros no lugar de Santa Cristina – San Román e a ampliación doutra, xa existente en Caínzos, para vacún de leite orzamentadas en 207.554’59 € e 224.130’72 euros, respectivamente, e cun prazo de execución, ámbalas dúas, de 24 meses.

Aínda dentro do ámbito rural, na sesión de hoxe tamén foron validadas a modificación tanto da distribución como do aspecto exterior dunha vivenda unifamilar en Pedreda (2.279`78 €) e a legalización e remate dun muro de contención nunha parcela de San Xoan do Alto (12.912’79 €) e, relacionadas, coa actividade empresarial, o executivo autorizou a ampliación do comedor e o almacén dunha área de servizo da Campiña, por valor de 44.989’76 € e a creación dun peirao de carga e dunha marquesiña nunha nave para almacén de pneumáticos, na rúa dos Canteiros, cun importe de 9.431’ 01 euros.

Xa no centro da cidade foron validadas outras actuacións para a mellora da accesibilidade en varios inmobles que pasan pola modernización do ascensor dun edificio da Praza Maior (44.201’94 euros) e a instalación doutro nunha casa da rúa do Miño (49.243’70 €).

Tamén esta semana, o equipo de goberno concedeu 11 subvencións a proxectos de dinamización da economía local xestionados polo tecido asociativo da cidade.

“Trátase de propostas encamiñadas fundamentalmente á creación do emprego, que darán cobertura ao 70% do custo das actividades realizadas, a razón de 2.500 € de importe máximo para cada unha delas e que se financiarán cunha partida conxunta de 24.829’26 euros”, explicou Mauricio Repetto.

O edil de Desenvolvemento Local e Emprego, área impulsora destas achegas, indicou que as mesmas se suman ao conxunto de medidas deseñadas pola alcaldesa, Lara Méndez, co fin de paliar as consecuencias derivadas da pandemia.

“O obxectivo destas axudas non é outro que o de apoiar ás entidades lucenses co fin de que, ao seu abeiro, se poñan en marcha iniciativas de fomento da cultura emprendedora, de posta en valor do territorio e, en definitiva, de xeración de oportunidades laborais ao tempo que se propicia a participación das mesmas na actividade municipal e se fornece a estrutura colaborativa que manteñen coa administración local”, sinalou o edil.

O concelleiro indicou igualmente que a convocatoria, pioneira no ámbito municipal, naceu para reforzar o labor desempeñado por estas organizacións nun momento de especial dificultade pola magnitude da crise sanitaria que nos afecta e as consecuencias que está a xerar.

“As solicitudes estimadas acollen propostas de Ovica (Asociación de Criadore/as de Ovino e Caprino de Galicia), da Asociación de Autónomas Empresarias e Profesionais da Provincia, de Ascorelu (Asociación Cultural de Veciños e Comerciantes da Residencia), Axel (Asociación de Xóvenes Emprendedores Lucenses), Aelu (Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo), Asoporcel (Asociados Criadores da Raza Porcina Celta), Aje (Asociación de Jóvenes Emprearios de la Provincia de Lugo), Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) e tamén de E Deidades; Hipócrita Teatro e a Asociación Itíneris. Todas foron seleccionadas baixo criterios obxectivos e sociais e, entre outros aspectos se valoraron o impacto económico das asociacións na cidade (número de persoas formadas, empregos creados...); que foran proxectos dirixidos a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, que se baseasen nun plan diversificado de actividades con continuidade no tempo alén doutros factores tales como a orixinalidade, o carácter innovador u a paridade de xénero na directiva da asociación”, concluíu Repetto Morban.

Audio

  • O edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, sobre as subvencións e a dinamización económica | Descargar mp3

Noticias relacionadas