Terras de Auga e Cultura: a opción turística sostible perfecta para coñecer o patrimonio do rural volve unha edición máis, con 40 andainas gratuítas

Carmen Basadre presentou a programación que arrincará este xoves e se desenvolverá todos os domingos, agás algún festivo e os que coinciden co Arde Lvcvs e San Froilán, ata o 16 de decembro

As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina Municipal de Turismo ata as 14:00 horas do día anterior á andaina. Existen rutas polo casco histórico da cidade e algunha tamén se achegará a municipios limítrofes

Lugo é o único concello de Galicia que habilita estas rutas ao longo de todo o ano, que buscan dar a coñecer a riqueza natural, arquitectónica e cultural que conserva o municipio

Martes, 27 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Terras de Auga e Cultura: a opción turística sostible perfecta para coñecer o  patrimonio do rural volve unha edición máis, con 40 andainas gratuítas

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este martes, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a sétima edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura, que inclúe un total de 40 rutas polo rural de Lugo e municipios limítrofes. Trátase de andainas guiadas que arrincarán este xoves , 29 de marzo, e terán lugar todos os domingos dende o 1 de abril ao 16 de decembro, excepto o 17 de xuño e o 7 de outubro, por coincidir co Arde Lvcvs e o San Froilán, respectivamente, e algúns días festivos.

Tal e como avanzou Basadre, as visitas, que van dende os 8 aos 18 quilómetros, versarán, como vén sendo habitual, sobre 5 temáticas distintas: xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño. Recorrerán o casco histórico de Lugo, pasando polos tres Patrimonios da Humanidade, así como as parroquias de Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai, San Lázaro da Ponte, Roméan, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda, San Pedro de Mera, Coeses, Gondar, Bascuas, Carballido, Coeo, Nadela, Muxa, Teixeiro, Conturiz (Castro), Piñeiro, Piúgos, Ribas de Miño, Santa Comba e Castelo, e tamén os municipios limítrofes do Corgo, Rábade, Guntín, Palas e Friol. As rutas discorren polas parroquias que contan con sinalización turística, levada a cabo polo Concello de Lugo e financiada pola Axencia de Turismo de Galicia, un plan de sinalización que chega a unhas 30 parroquias.

Lugo é o único concello de Galicia que habilita estas rutas ao longo de todo o ano, que baixo o nome de Terras de Auga e Cultura engloba visitas temáticas de promoción turística para dar a coñecer a riqueza natural, arquitectónica e cultural que conserva o municipio, principalmente as parroquias da zona rural luguesa. Algunha destas andainas, tal e como especificou a edil, combina sendeirismo con actividades didáctivas, e outras son totalmente accesibles, é dicir, que a oferta tenta chegar a todos os públicos.

Basadre tamén amosou a súa ledicia polo aumento que rexistran as visitas desta programación, de caracter gratuíto, tanto dos propios veciños e veciñas como de turistas. De feito, estas rutas é unha das alternativas do Concello máis demandadas, existindo participantes fieis a practicamente a totalidade da programación e ofrecendo cada ano novidades, por exemplo, nesta edición, as dúas primeiras andainas son novas rutas e innovadoras. 

Segundo as estadísticas facilitadas pola Oficina Municipal de Turismo na pasada edición participaron 238 persoas máis que no 2016, sendo as rutas dos meses de novembro, setembro, outubro e maio as máis participativas. Sen embargo, nalgunha andaina p número de participantes increméntanse, pois aparecen espontaneamente no lugar e hora do comezo da actividade.

O público asistente oscila entre nenos e nenas de 9 anos ata persoas con 86. Dentro de Galicia, Santiago de Compostela, A crouña e Ourense son as cidades que máis persoas participantes achegaron. Xente doutras vilas como Lalín, Vigo e Pontevedra tamén se inscribiron nalgunha ocasión. Do resto do territorio, Madrid, Cataluña e País Vasco foron as comunidades cuxos visitantes se anotaron ás rutas. No eido internacional, o programa Terras de Auga e Cultura contou coa presencia de cidadáns de Francia, Italia, Portugal, Sudáfrica e Australia.

Horarios e inscrición

As andainas desta programación desenvolveranse de 10:30 a 19:00 horas, de abril a outubro, e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno. Teñen como punto de saída e de regreso a parada do bus urbano situada diante do Seminario Maior, na rúa Anxo López Pérez, salvo a do 15 de abril.

A inscrición realizarase do mesmo xeito que nas anteriores edicións, é dicir, na Oficina Municipal de Turismo, na Praza do Campo, ata as 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. O número máximo de persoas participantes será de 35, pero algunha delas ten aforo limitado a 25.

Audio

  • Carmen Basadre sobre a opción turística "Terras de Auga e Cultura"| Descargar mp4

Máis info

Multimedia

  • Terras de Auga e Cultura: a opción turística sostible perfecta para coñecer o  patrimonio do rural volve unha edición máis, con 40 andainas gratuítas

Noticias relacionadas