Quedan prazas nalgúns cursos incluídos na programación de animación sociocultural que oferta o Concello

Todas as persoas que queiran inscribirse nestes cursos poden facelo en horario de 9:00 a 13:00 horas no Centro de Convivencia de Fingoi, onde hai dispoñibles algunhas prazas

Mércores, 28 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Benestar Social, Igualade e Inclusión, que dirixe Ana González Abelleira, informa de que quedan prazas nalgúns dos cursos de animación sociocultural ofertados polo Concello no Centro de Convivencia de Fingoi, polo que aquelas persoas que o desexen poden inscribirse neles dende o día de hoxe ata que se chegue ao número máximo previsto polo Concello. Todas as persoas que queiran inscribirse nestes cursos poden facelo en horario de 9:00 a 13:00 horas no propio centro. O custo destes cursos varía dende a súa gratuidade ata os 20 euros pola actividade completa.

Os cursos para adultos nos que aínda se poden inscribir os veciños e veciñas son os de Teatro, Naturalmente Lugo e Cachivol 1. Os nenos e as nenas que así o desexen tamén poden realizar as súas solicitudes no curso específico Divírtome e Aprendo.

Por parte da entidade local preténdese completar toda a oferta das actividades programadas para este ano, oferta que alcanza os 128 obradoiros para máis de 2.000 lucenses. En concreto no centro de Fingoi había dispoñibles 386 prazas.

Esta ampliación de inscricións vén a reforzar a vontade do Concello de darlle prioridade ao benestar social e tentar mellorar, na medida do posible, a calidade de vida da veciñanza de Lugo.

Máis información na web www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

Noticias relacionadas