A Praza de Abastos de Lugo loce como un espazo de vangarda tras as obras de modernización

Os traballos contaron cun orzamento dun millón de euros, financiados nun 80% pola Unión Europea, a través do Plan Urban

Con estas actuacións, liberouse o espazo central da primeira planta, ampliáronse as zonas de tránsito, comunicouse a praza co aparcadoiro de Santo Domingo, instalouse un elevador e renovouse a iluminación e a climatización, entre outros

Mércores, 13 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Praza de Abastos de Lugo loce como un espazo de vangarda tras as obras de modernización

A Praza de Abastos de Lugo loce xa como un espazo de vangarda, que incorpora un aspecto moi dinámico, tras as obras de modernización, que contaron cun orzamento dun millón de euros, financiados nun 80% pola Unión Europea, a través do Plan Urban. Así o anunciou este mércores o voceiro Miguel Fernández, que avanzou os últimos pasos para o remate destras obras, que pasan pola cartelería e a rotulación, principalmente.

Neste senso, Fernández deu a coñecer que para a instalación da cartelería, os comerciantes ben poderán tomar como base un deseño básico que se lles ofreceu, ao que poden engadir o seu logotipo, ou ben poderán facer chegar o seu propio deseño. Así se lles remitirá nunha carta que será enviada nos vindeiors días aos industrias. Ademais, tal e como asegurou o edil, o Concello está a estudar acotar unha zona para o mercado dos martes e venres.

“Unha cidade como Lugo que aspira a ser cada vez máis moderna necesitaba incorporar un lugar como a Praza de Abastos, que lle vai aportar un valor añadido á nosa cidade, mellorando a competitividade e o posicionamento dos negocios actuais, así como a propia imaxe da praza e o desenvolvemento da economía local”, asegurou o voceiro.

Con estas obras, liberouse o espazo central da primeira planta da praza, abrindo ocos no eixo transversal, o que contribuíu tanto a unha maior visibilidade de todo o interior do edificio como a ampliar as zonas de tránsito.

Unha das principais intervencións foi a comunicación da Praza de Abastos co párking soterrado de Santo Domingo, o que permitiu dotala dunha zona de aparcadoiro. A conexión fíxose mediante un corredor de comunicación, que permitiu pór en valor os restos da calzada romana que se descubriron na excavación para construír o túnel, e que estará rematado nesta semana.

Tamén se mellorou a accesibilidade coa instalación dun elevador para industriais e proveedores. Ademais, púxeronse ao día todas as instalacións e sistemas de comunicación ao tempo que se renovaron os aseos e se creou un cuarto de residuos para a recollida selectiva, a adaptación de iluminación ou a climatización, entre outras cuestións.

Estas últimas obras súmanse á reforma exterior da Praza de Abastos acometida nunha primeira fase, e cun orzamento de 400.000 euros, na que se cambiou a cuberta do edificio e o acondicionamento exterior, sobre todo na fachada de Santo Domingo, na que se cambiou a entrada á pranta semisoto.

Queda pendente unha terceira e última fase, coa que se actuará na planta baixa, para a que nos Orzamentos do 2016 están destinados 650.000 euros.

Noticias relacionadas