Pilar García Negro recibe unha cálida e profunda homenaxe na súa terra natal, Lugo

Carmen Basadre participou este sábado nos actos conmemorativos, que arrincaron na Praza de Ferrol co descubrimento dun monolito e a plantación dun magnolio

Sábado, 10 de xuño de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Pilar García Negro recibe unha cálida e profunda homenaxe na súa terra natal, Lugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, participou este sábado nos actos de homenaxe a Pilar García Negro, organizados pola Asociación de Escritores Galegos e Galegas (AELG), coa colaboración do Concello nesta edición, entre outras institucións. A celebración, á que tamén asistiu o presidente e a secretaria deste colectivo, Cesáreo Sánchez e Mercedes Queixas, respectivamente; membros da Corporación, así como a Deputada de Cultura, Pilar Porto, entre outras autoridades, arrincaron na Praza de Ferrol, onde a homenaxeada xogaba de nena e ía ao colexio, co descubrimento dun monolito e a plantación dun magnolio.

"Luguesa, escritora, política, abandeirada do galego e rosaliana. Así definiu á homenaxeada Carmen Basadre, quen no acto reivindicou á lectura en galego. Así mesmo convidou a empregar "o noso idioma como bandeira dunha cultura propia, e esta cultura propia como definición dun país". Nesta liña tamén insistiron os representantes da AELG, quen recordaron a traxectoria profesional da homenaxeada.

Pola súa banda, García Negro amosouse orgullosa por este agasallo e compartiu as súas vivencias en Lugo de cando era cativa

O monolito, esculpido por Xavier Quijada, reza o seguinte, Lugo: Cabo do Miño, presidente dos ríos galegos (Carvalho Calero dixit). Cidade cinxida pola Muralla, sinal da nosa historia e do noso futuro. Na luz inextinguíbel de Rosalía de Castro. No eco da música de Xoán Montes. Sempre en galego. Sempre en Galiza.

A escritora na súa Terra

Posteriormente, as persoas participantes achegáronse á Casa Consistorial, onde a homenaxeada recibiou a Letra E dos premios A Escritora na súa Terra, da AELG; e logo tivo lugar un xantar de confraternidade. En García Negro recae a 23ª edición da homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, unha iniciativa que ten como obxectivo honrar aos escritores e escritoras galegos procurando o contacto directo co autor ou autora, e a implicación persoal na xornada de homenaxe. Esta é a primeira vez que a AELG outorga unha homenaxe a unha ensaísta.

A Asociación de Escritores en Lingua Galega reúne máis de 415 escritores e escritoras da literatura galega en todas as súas manifestacións. Foi fundada no ano 1980 e traballa a pol da dignificación do oficio de escritor/a, así como da promoción dos autores/as e das súas obras.

Multimedia

  • Pilar García Negro recibe unha cálida e profunda homenaxe na súa terra natal, Lugo

Noticias relacionadas