A personalidade e a identidade centran as XX Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde

Celébranse na cidade de Lugo entre o 19 e o 21 de novembro, organizadas polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia

Xoves, 12 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Presentación das XX Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde

Esta mañá presentouse no Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, a cita anual máis relevante para o colectivo profesional da psicoloxía galega vinculado á saúde: este xoves 19 comeza en Lugo a vixésima edición das Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde que organiza o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e que durarán ata o sábado 21. Nesta edición levan por título Identidade e personalidade: de que estamos a falar? e terán como lugar de celebración o propio Pazo de San Marcos da capital lucense.

Na presentación de hoxe participaron a Alcaldesa, Lara Méndez, a Deputada provincial de Ensino, Educación, Economía do Coñecemento, Igualdade e Mocidade, María Loureiro, a presidenta do Comité Científico das Xornadas, Mercedes Castro Bal, e a presidenta do Comité Organizador, Delia Guitián Rodríguez. Méndez e Loureiro brindaron o apoio de ambas as dúas institucións ao Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e, en xeral, a todos os profesionais do sector de saúde, "que estades a atravesar un momento moi complexo, con moitas dificultades para realizar a voso imprescindible traballo debido aos recortes na saúde pública das principais administracións no país. Contade co apoio do Concello de Lugo e da Deputación para recuperar a calidade da nosa sanidade pública ", remarcaron. Do mesmo xeito, Méndez e Loureiro, que se mostraron orgullosas de que Lugo acolla este encontro, reivindicaron unha maior implicación por parte das administracións no ámbito científico. Estas Xornadas contan coa colaboración, ademais, de Caixa Rural Galega e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL).

De feito, é a segunda vez na capital da provincia, despois de catorce anos. Nesta edición, as Xornadas buscan fomentar o intercambio de coñecementos e a experiencia clínica respecto á conceptualización da personalidade e da identidade no actual contexto social, así como o seu manexo desde a psicoterapia. Unha temática atractiva para os psicólogos e psicólogas galegas, que viñan manifestando a demanda dunha abordaxe en profundidade sobre os trastornos da personalidade.

Neste encontro profesional de carácter autonómico haberá catro mesas temáticas nas que intervirá unha destacada nómina de relatores e relatoras de recoñecido prestixio que tratarán diferentes aspectos como os efectos do autoritarismo e da violencia na personalidade e na identidade, os cambios ao longo das distintas etapas da vida, diversos enfoques clínicos ou a interdisciplinariedade con outros ámbitos próximos aos que abrir a intervención.

Abre a programación o xoves 19 un obradoiro previo co que traballar en profundidade desde unha perspectiva aplicada. Tratará sobre a intervención integradora nos déficits metacognitivos en Trastorno Límite da Personalidade, e estará impartido polo psicólogo clínico Ignacio Serván García, que exerce na Unidade de Trastornos de Personalidade da Clínica San Miguel de Madrid.

Na xornada do venres, a primeira intervención correrá por conta do profesor de Antropoloxía do Parentesco e Familia do Departamento de Antropoloxía Social da Universidad Complutense de Madrid, que ofrecerá unha conferencia co título Antropoloxía, personalidade e identidade(s); un tecido de relacións e elementos. A primeira das mesas abordará o poder, a violencia e a identidade, coordinada pola presidenta do Comité Científico das Xornadas, a psicóloga clínica Mercedes Castro Bal. Participará o xefe de servizo de Psiquiatría do Hospital Lucus Augusti, o psiquiatra Luis Vila Pillado, que reflexionará sobre a personalidade autoritaria; xunto co psicólogo clínico do Complexo Hospitalario da Coruña, Gonzalo Martínez Sande, que falará da presenza da violencia; e pechará esta primeira mesa a xornalista da TVG Ana Expósito Valle para abordar o poder do medo.

Xa na tarde do venres collerá o relevo a mesa sobre o desenvolvemento e cambios na identidade e na personalidade. Comezará cunha intervención sobre a avaliación psicolóxica, como evolucionou e sesgos na medida da personalidade por conta da psicóloga clínica e profesora do Departamento de Psicoloxía Biolóxica e da Saúde da Universidade Autónoma de Madrid, Rocío Fernández Ballesteros, que tamén impartirá a conferencia de clausura o sábado sobre o envellecemento activo e os preditores da personalidade e outras variables psicolóxicas. O psicólogo clínico da USM Burela, de Lugo, Mariano Carrero Moure, reflexionará sobre o desenvolvemento social e a personalidade, mentres que Consuelo Escudero, exporá a perspectiva da infancia.

A terceira das mesas coa que concluirá a sesión do venres versará sobre a conceptualización, a intervención e a personalidade. Será de novo Ignacio Serván un dos participantes, nesta ocasión para expoñer o traballo intensivo con trastornos de personalidade grave na comunidade terapéutica, e completarán esta mesa dous especialistas de psicoloxía clínica da nosa Comunidade. A primeira será María Antonia de Miguel García que tratará a técnica psicoanalítica e a invención dun dispositivo de palabra; para continuar José Manuel González Alonso, que se achegará á personalidade dende un enfoque sistémico.

Na mañá do sábado desenvolverase a última das mesas, que pretende achegar unha ollada máis alá do psicolóxico, e nela daranse cita tres profesionais de distintos eidos. O lingüista e profesor de español na Fundación xeral da Universidad de León, Moisés Hidalgo Salido, centrarase na reconstrución da identidade a través da mediación terapéutica da aprendizaxe con inmigrantes reclusos. Continuará a veterinaria lucense Ángela González Martínez que falará sobre os cans e a súas patoloxías do comportamento e período crítico. Pechará esta mesa o responsable do Grupo de Xenética Psiquiátrica do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), para trasladar a ollada da xenética ao ámbito da personalidade.

Previamente a esta mesa a directora do Consello de Redacción do Anuario Psicoloxía e Saúde, Marta González Rodríguez, presentará o número 8 desta publicación anual que edita a Sección de Psicoloxía e Saúde do Colexio e que terá como tema o amor. Tamén se dará paso á presentación de comunicacións libres.

Esta iniciativa impulsada polo COPG está recoñecida como unha Actividade de Interese Sanitario por parte da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Vai dirixida a psicólogas e psicólogos colexiados; estudantes de Psicoloxía e outros/as profesionais interesados na temática a tratar, os formularios de inscrición están accesibles na páxina web do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. As Xornadas rematarán coa entrega do premio ao mellor póster e á mellor comunicación libre entre os traballos que se presenten.

Noticias relacionadas