No día de apertura da pasarela, a alcaldesa sinalou que “non é a solución que queremos para Lugo pero é a mellor á que nos deixaron optar”.
A instalación desta infraestrutura non supuxo custo adicional para as arcas municipais, ao dispoñer do material, facer a montaxe con medios propios e ter xa socorristas.
A rexedora cre que “aínda que tarde, contamos cun acceso ao Miño e evidenciamos o boicot do que todas e todos os lucenses estamos a ser vítimas neste asunto”.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alavarellos, xunto ao resto de edís do seu Executivo, visitou hoxe a pasarela de acceso ao río, no día da súa apertura ao público. Respecto á entrada en funcionamento desta nova infraestrutura, Alvarellos Fondo sinalou que “a pesar das continuas esixencias e dos sucesivos requirimentos do Goberno autonómico, a consecución deste acceso seguro ao baño no río Miño sitúanos máis preto do noso obxectivo final de lograr que Lugo teña nun futuro próximo unha zona de baño estable. Non é a zona de baño que queremos para Lugo pero é a mellor á que nos deixaron optar”.
De todos os xeitos, a alcaldesa matizou que “é un dobre logro. Por unha banda, aínda que máis tarde do que estimamos, debido aos prazos administrativos e ás demandas que foi realizando a Xunta, contamos cun acceso seguro ao Miño e, por outro, logramos evidenciar ante a veciñanza o boicot do que todas e todos os lucenses estamos a ser vítimas neste asunto”.
Os trámites para levar a cabo a colocación desta infraestrutura nas beiras do Miño alongouse durante todo o verán. De feito, Paula Alvarellos lembrou hoxe como o seu Executivo “solicitou o permiso para instalar esta rampla provisional antes de verán co obxectivo de que a cidadanía puidese acceder ao río de forma segura durante este período estival, pero con todo non puidemos abrila ao público ata agora polas continuas trabas e esixencias do Executivo galego. É obvio que seguimos a ser reféns políticos e que o obxectivo segue sendo privar aos e ás lucenses de gozar do río do mesmo xeito que o fan outros concellos”.
Co respecto á montaxe desta rampla Alvarellos Fondo fai fincapé en que “máis aló dos traballos de prospección, que se levaron a cabo cun contrato menor e que, por requirimentos da Xunta, tamén tivemos que facer en anos pasados a pesar de non poder contar coa praia fluvial, a instalación desta infraestrutura non supuxo custo adicional para as arcas municipais. A pasarela fíxose con material do que xa dispoñiamos e con medios propios. Ademais, tamén contabamos co servizo de socorrismo xa contratado”.
No día da apertura ao público da pasarela de acceso ao río, a alcaldesa lembrou as sucesivas prospeccións e revisións realizadas antes da colocación da rampla e insistiu en que “demostramos con creces que estamos dispostos, como non podería ser doutro xeito, a cumprir coas disposicións e condicionantes medioambientais, pero tamén cremos que se utilizou como arma política unha normativa, cuxa finalidade pasou de protexer a entorpecer”.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alavarellos, sobre a apertura da rampla | Descargar mp3




