Concello de Lugo
Publicado en Concello de Lugo (https://concellodelugo.gal)

Inicio > Paula Alvarellos: “As continuas trabas e esixencias da Xunta atrasaron a apertura da rampla, aínda que estamos máis preto do noso obxectivo final de acadar unha zona de baño estable”

Paula Alvarellos: “As continuas trabas e esixencias da Xunta atrasaron a apertura da rampla, aínda que estamos máis preto do noso obxectivo final de acadar unha zona de baño estable”

No día de apertura da pasarela, a alcaldesa sinalou que “non é a solución que queremos para Lugo pero é a mellor á que nos deixaron optar”.

A instalación desta infraestrutura non supuxo custo adicional para as arcas municipais, ao dispoñer do material, facer a montaxe con medios propios e ter xa socorristas.

A rexedora cre que “aínda que tarde, contamos cun acceso ao Miño e evidenciamos o boicot do que todas e todos os lucenses estamos a ser vítimas neste asunto”.

  • Tema
    • Benestar social,
    • Natación,
    • Instalacións deportivas,
    • Desenvolvemento local,
    • Medio rural,
    • Medio ambiente,
    • Auga
Martes, 03 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Paula Alvarellos: “As continuas trabas e esixencias da Xunta atrasaron a apertura da rampla, aínda que estamos máis preto do noso obxectivo final de acadar unha zona de baño estable”

A alcaldesa de Lugo, Paula Alavarellos, xunto ao resto de edís do seu Executivo, visitou hoxe a pasarela de acceso ao río, no día da súa apertura ao público. Respecto á entrada en funcionamento desta nova infraestrutura, Alvarellos Fondo sinalou que “a pesar das continuas esixencias e dos sucesivos requirimentos do Goberno autonómico, a consecución deste acceso seguro ao baño no río Miño sitúanos máis preto do noso obxectivo final de lograr que Lugo teña nun futuro próximo unha zona de baño estable. Non é a zona de baño que queremos para Lugo pero é a mellor á que nos deixaron optar”.

De todos os xeitos, a alcaldesa matizou que “é un dobre logro. Por unha banda, aínda que máis tarde do que estimamos, debido aos prazos administrativos e ás demandas que foi realizando a Xunta, contamos cun acceso seguro ao Miño e, por outro, logramos evidenciar ante a veciñanza o boicot do que todas e todos os lucenses estamos a ser vítimas neste asunto”.

Os trámites para levar a cabo a colocación desta infraestrutura nas beiras do Miño alongouse durante todo o verán. De feito, Paula Alvarellos lembrou hoxe como o seu Executivo “solicitou o permiso para instalar esta rampla provisional antes de verán co obxectivo de que a cidadanía puidese acceder ao río de forma segura durante este período estival, pero con todo non puidemos abrila ao público ata agora polas continuas trabas e esixencias do Executivo galego. É obvio que seguimos a ser reféns políticos e que o obxectivo segue sendo privar aos e ás lucenses de gozar do río do mesmo xeito que o fan outros concellos”.

Co respecto á montaxe desta rampla Alvarellos Fondo fai fincapé en que “máis aló dos traballos de prospección, que se levaron a cabo cun contrato menor e que, por requirimentos da Xunta,  tamén tivemos que facer en anos pasados a pesar de non poder contar coa praia fluvial, a instalación desta infraestrutura non supuxo custo adicional para as arcas municipais. A pasarela fíxose con material do que xa dispoñiamos e con medios propios. Ademais, tamén contabamos co servizo de socorrismo xa contratado”.

No día da apertura ao público da pasarela de acceso ao río, a alcaldesa lembrou as sucesivas prospeccións e revisións realizadas antes da colocación da rampla e insistiu en que “demostramos con creces que estamos dispostos, como non podería ser doutro xeito, a cumprir coas disposicións e condicionantes medioambientais, pero tamén cremos que se utilizou como arma política unha normativa, cuxa finalidade pasou de protexer a entorpecer”. 

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Paula Alavarellos, sobre a apertura da rampla | Descargar mp3 [1]

URL fonte: https://concellodelugo.gal/gl/novas/paula-alvarellos-continuas-trabas-e-esixencias-da-xunta-atrasaron-apertura-da-rampla-ainda-que

Ligazóns:
[1] https://concellodelugo.gal/sites/default/files/030924_paula_alvarellos_apertura_rampla.mp3