Os lucenses poderán obter dende a vindeira semana o certificado de empadroamento sen desplazarse ata o Concello

A entidade local facilitará a entrega destes certificados a través da páxina web www.lugo.gal, na opción Carpeta Cidadá. Para acceder, é preciso o DNI electrónico ou calquera certificado de sinatura electrónica

Venres, 13 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, anunciou este venres que o Concello entrega dende hoxe os certificados de empadroamento, solicitados de xeito presencial nas dependencias do Concello, de inmediato. Trátase da expedición de certificado de inscrición padroal individual, conxunto, histórico individual, histórico conxunto e con inclusión de baixas.

Ademais, dende a vindeira semana, a entidade local facilitará a entrega destes certificados, de tipo individual e histórico individual, a través da páxina web do Concello www.lugo.gal, na opción Carpeta Cidadá, onde se instalará unha opción específica para a solicitude deste tipo de certificado. Para poder acceder, segundo anunciou a edil, é preciso o DNI electrónico ou calquera certificado de sinatura electrónica. Os certificados padroais poñeranse a disposición de modo inmediato para a súa descarga no propio dispositivo, e levarán un código (csv) para a súa verificación.

A Concelleira definiu esta actuación como un avance na administración electrónica, que contribuirá a facilitar a realización de trámites sen necesidade de que os veciños teñan que desprazarse ata as dependencias municipais. Rosana Rielo explicou que esta iniciativa posibilita unha administración máis próxima e accesible, para darlle un mellor servizo á cidadanía, pois de forma telemática poden realizar as súas xestións dende o seu domicilio.

Ademais, Rosana Rielo avanzou que en breve se eliminará a opción de solicitar por enderezo electrónico este certificado, posto que se habilitarán as dúas opcións indicadas anteriormente. O Concello expide máis de 12.000 certificados de empadroamento ao ano.

Audio

  • Rosana Rielo, sobre o certificado de empadroamento dixital |Descargar mp3

Noticias relacionadas