O Pleno aproba deixar a cero a débeda bancaria do Concello

O Goberno eliminará así a finais de ano a carga financeira municipal, mantendo ao mesmo tempo o nivel de investimentos, que nos dous últimos anos se situou nuns 900 euros por lucense, e sen subir o esforzo fiscal á cidadanía

“Temos unha administración saneada, sostible e solvente, que conta con recursos non financeiros suficientes para afrontar os investimentos, grazas aos 22M€ que conseguimos da UE”, subliñou a Concelleira de Economía

Xoves, 26 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Corporación municipal aprobou no Pleno ordinario deste xoves deixar a cero a débeda bancaria do Concello, por primeira vez en 30 anos, ao saír adiante as dúas amortizacións por un importe conxunto de 4,3 millóns de euros propostas polo Goberno: unha de 3.876.772,64 euros (cos votos a favor do PSdeG, a abstención de PP, Ciudadanos e Lugonovo, e a negativa de BNG e ACE) e 442.975,92€ (cos votos a favor do PSdeG, a abstención do PP e a negativa de Lugonovo, BNG, C,s e ACE).

A Concelleira de Economía, Ana Prieto, subliñou que o Goberno elimina a carga financeira do Concello, que será efectiva a finais de ano, mentres ao mesmo tempo mantén o nivel de investimentos e sen subir o esforzo fiscal á cidadanía, “senón que mesmo o baixamos nalgunhas taxas e impostos”, aludindo á bonificación do 50% no ICIO, xa en vigor, e a do 95% no IBI, aprobada hoxe polo Pleno, das explotacións gandeiras, agrícolas e forestais, ou a exención, que recibiu luz verde tamén da Corporación, tanto da taxa pola prestación do servizo de comida no fogar a persoas en exclusión social, como de determinadas matrículas da Escola Municipal de Música.

Como mostra de que o Goberno mantén os investimentos ao tempo que elimina a débeda, Prieto apuntou que, segundo reflicte a Conta Xeral, “o gasto por habitante nos pasados dous exercizos foi de preto de 900€ e o endebedamento foi baixando de maneira progresiva”.

“Este fito económico”, explicou a Concelleira, “demostra que temos unha Administración completamente saneada, sostible e solvente, e é froito da combinación de tres factores: a amortización paulatina da débeda cos bancos; non concertar novos préstamos bancarios dende hai catro exercizos; e a captación de recursos non financeiros, fundamentalmente da Unión Europea, para facer investimentos”. Ana Prieto lembrou que o Goberno conseguiu nos dous primeiros anos de mandato 22 millóns de euros de fondos europeos, “que nos permiten afrontar inversións que seguirán transformando a cidade e mellorando a calidade de vida dos lucenses”.

Vantaxes

Trátase dunha “decisión responsable”, destacou a edil, polas vantaxes que leva consigo: “ao desaparecer a carga financeira, deixamos de pagar intereses polos préstamos bancarios e deixamos de destinar recursos a amortizar débeda, co que estes cartos poderanse dedicar a novos investimentos para os veciños e veciñas de Lugo; o ano pasado pagamos máis de 9M€ entre intereses e amortización; teremos máis autonomía para executar o Orzamento, pois xa non existe a obriga de destinar os aforros ao pago da débeda, porque xa non a temos, co que estes fondos quedarán liberados para destinar a investimentos; e queda totalmente garantida a sostibilidade económica e a credibilidade do Concello, pois non depende de préstamos para afrontar os gastos: nin os correntes, nin os investimentos”.

Exposición ao público

Tras a aprobación no Pleno de hoxe dos dous expedientes de modificación orzamentaria que deixarán a cero a débeda financeira do Concello, expoñerase ao público durante 15 días, período tras o que, no caso de presentarse alegacións, deberán resolverse e volver a levar as propostas ao Pleno, e, de non habelas, xa se produciría a aprobación definitiva.

Audio

  • Ana Prieto, sobre a débeda bancaria do Concello | Descargar mp3

Noticias relacionadas