O Plan Estratéxico de axudas do goberno de Lara Méndez triplícase este ano co Plan Reanima e concentra o 8% do orzamento

O groso da partida será destinado ás axudas directas económicas pola pandemia e 2’5 millóns a que colectivos e asociacións locais poidan continuar co seu labor

A alcaldesa de Lugo destaca a necesidade de  “fornecer a base da nosa comunidade local tras esta crise sanitaria global sen precedentes”

A área de Benestar disporá de máis de 1 millón de euros para colaborar coas asociacións e ofrecer achegas directas para o aluguer de vivenda ou a emerxencia social

Duplicarase a aportación á Protectora de Animais ata os 200.000 euros para sufragar os gastos derivados do coidado e manutención dos animais que acolle nas súas instalacións

Sábado, 18 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Plan Estratéxico de axudas do goberno de Lara Méndez triplícase este ano co Plan Reanima e concentra o 8% do orzamento

O 2020 pasará a historia como un dos anos máis tráxicos do que vai de século pola pandemia global do coronavirus e polas consecuencias económicas e, por tanto, tamén sociais, nas que derivará.

“Unha crise sanitaria mundial sen precedentes que esixe das administracións unha capacidade de acción e reacción á altura das circunstancias para amortecer a pegada negativa que orixine”, afirma Lara Méndez.

“Por iso, dende o Concello, á marxe doutras iniciativas que adoptamos o mesmo día no que foi decretado o Estado de Alarma, seguimos a artellar medidas orientadas a fornecer a base da nosa comunidade local. E así, se primeiro actuamos para arroupar ao sector produtivo e empresarial do municipio, co obxectivo fixado na conservación dos postos de traballo e, porén, na estabilidade salarial das familias, incidiremos, a continuación, na financiación dos colectivos e asociacións que, con vocación pública e, en moitos casos, solidaria, desenvolven o seu labor en Lugo”, indicou a alcaldesa.

Deste xeito, o goberno que preside Lara Méndez dará conta no vindeiro Pleno Extraordinario da aprobación do Plan Estratéxico de Subvencións.

“Unha ferramenta indispensable – segundo cualificou a rexedora – para impulsar, promover e potenciar – agora máis ca nunca – a participación da sociedade civil nos distintos ámbitos de xestión que son de interese xeral”. Ademais, este plan permitirá darlle maior axilidade a xestión das axudas co fin de que os colectivos e asociacións as poidan cobrar antes.

Dotado con máis de sete millón de euros, este Plan representa a razón de ser do conxunto da actividade subvencional do Concello.

“Cómpre subliñar que concentra preto do 8% do orzamento total municipal para o exercicio en curso, o que pon de manifesto a importancia que este executivo lle dá non só ao papel que exercen todas estas entidades senón tamén ao que desempeñarán a partir deste momento como apoio indispensable da veciñanza para remontar o confinamento”, subliñou Lara Méndez.

Aínda que o groso da partida se destinará ás axudas do Plan Reanima, máis de dous millóns de euros servirán para garantir a actividade do tecido asociativo local.

O documento, que persegue servir de guía para mellorar e racionalizar a xestión e tramitación das subvencións mediante a valoración de aspectos de transversalidade, eficacia e eficiencia das diferentes liñas de axuda, recolle, para este ano, un incremento das cantidades outorgadas ata a data actual e fai especial fincapé na fiscalización posterior á concesión das mesmas.

Algúns exemplos, dados a coñecer pola alcaldesa de Lugo, son que a área de Benestar disporá de máis de 1 millón de euros para colaborar coas asociacións e ofrecer achegas directas para o aluguer de vivenda ou a emerxencia social e mesmo que se duplicará a aportación que a Protectora de Animais e Plantas viña recibindo da institución local para sufragar os gastos derivados do coidado e manutención dos animais que acolle nas súas instalacións.

“Principios como os de publicidade, libre concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación amparan as liñas trazadas pola área económica do Concello neste Plan Estratéxico que, non podemos esquecer, se desenvolverá ao abrigo da solvencia financeira da que dispoñemos e que será  - agardamos - o paraugas baixo o que gorecerse para que as prestacións sociais e a actividade cultural ou deportiva da cidade non se resintan drasticamente tralo paso do Covid - 19”, concluíu Lara Méndez.

 Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o Plan Estratéxico de Subvencións | Descargar mp3

Noticias relacionadas