O parque Rosalía contará cun Plan Director para realizar a súa reforma

Luns, 12 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno Local de hoxe aprobou fóra da orde do día a firma do convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para a elaboración do Plan Director do Parque Rosalía de Castro.

Así o informou hoxe o Concelleiro de Medio Ambiente, Lino González Dopeso, quen tamén indicou que ese plan ten un orzamento de 60.577 euros e un prazo de execución dun ano.

O Concelleiro explicou que ese plan permitirá establecer os criterios de urxencia das necesidades de modificación e reparación do parque.

O Parque Rosalía foi deseñado no 1921 polo arquitecto Ramiro Sáinz Martínez sendo Alcalde Ánxel López Pérez. Mantense na súa estrutura orixinal dende ese ano, agás unha modificación no 1961 da man do arquitecto Ruperto Sánchez. Conta con 26.000 metros cadarados e ten forma de trapecio rectángulo seguindo criterios xeométricos e de estilo romántico.

Lino González indicou que con este proxecto global tentarase recuperar a idea orixinal e definir os usos a desenvolver no que xa é coñecido como “o xardín dos xardines”. Manterase tamén a combinación de usos cultural, turístico, social e paisaxista.

Os estudos realizados por este Plan Director abarcarán dende a flora até o estado da infraestrutura de formigón, así como a carencia de saneamento para augas pluviais pola zona de paseo.

Indicou o Concelleiro que o importante é facer un deseño exacto das necesidades e acometer a reforma en condicións que permitan a súa permanencia. “É o mesmo que se está a facer coa pérgola, xa que a reparación realízase sen dar lugar a improvisacións”, dixo.

Noticias relacionadas