O novo servizo de limpeza e recollida de residuos aumentará un 35% o persoal e renovará e ampliará os colectores, maquinaria e flota

 Lara Méndez anuncia que EcoLugo comeza a andar baixo o lema LuceLugo: “Situará á cidade á vangarda como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sostibilidade”.

O novo contrato, que durará ata o 2032 e que ten un custe anual de 11,7 millóns de euros, incorpora recollida selectiva orgánica, de aceites e téxtil e compostaxe individual e comunitaria.

Instalaranse máis de 4.000 novos contenedores desde outubro, incrementando nun 42,3% a capacidade de recollida da fracción resto, un 76% nos envases e nun 28,6% no papel e cartón.

A nova maquinaria e vehículos, que deberán ser de gas natural, eléctricos ou híbridos e que se irán incorporando nos vindeiros meses, incorporan sistemas de xestión intelixente.

A Alcaldesa aumenta o contacto coa cidadanía para atender mellor as súas demandas ao abrir unha Oficina de Atención na rúa Clérigos, que disporá dunha Aula de Educación Medioambiental.

Cada día haberá unha inspección do servizo para ir valorando as melloras, e cada trimestre a empresa presentará unha auditoría de calidade.

Martes, 02 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O novo servizo de limpeza e recollida de residuos aumentará un 35% o persoal e renovará e ampliará os colectores, maquinaria e flota

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, presentou hoxe EcoLugo, o novo servizo de recollida de residuos urbanos, da limpeza viaria e da xestión do Punto Limpo, que comeza a andar baixo o lema ‘LuceLugo’, e que suporá “un fito para o municipio xa que situará á cidade á vangarda como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sostibilidade, modelo de municipio que deseñamos no mandato pasado e que estamos a desenvolver”.

“Onte, día 1, comezamos un traballo que se traducirá, cando o servizo estea 100% operativo xa que comezará a incorporar todas as prestacións de maneira progresiva, nun antes e un despois da imaxe da cidade”, apuntou a rexedora, “tras a renovación dun contrato que adxudicamos por un período de 10 anos sen prórroga, e dicir, ata o 2032, e que conlevará un gasto anual de 11,7 millóns de euros, que case duplica o custe actual, o que da conta da necesidade de repensar a limpeza e xestión de residuos xa que o anterior servizo data de 1996”.

Méndez estivo acompañada na presentación por parte do persoal de EcoLugo, que subrogou a totalidade da plantilla da anterior concesionaria, e que agora irá incorporando novos traballadores e traballadores, ata acadar unha plantilla de 180 persoas partindo dos 133 actuais, o que suporá un incremento dun 35,3%.

Así mesmo, expúxose parte da nova maquinaria do servizo, “que se renovará na súa totalidade, así como toda a flota de vehículos; falamos de 102 novas máquinas e equipos auxiliares de limpeza, e de 29 de recollida de lixo”, comentou a rexedora, que aclarou que “serán todos vehículos eléctricos, híbridos ou a GNC, e contarán cos máis innovadores sistemas de aforro de combustible, de redución do impacto sonoro, da baixa emisión de gases de efecto invernadoiro e diminución da pegada de carbono, e contarán con sistemas informatizados de seguimento de consumos e ubicación dos que poder obter información para a mellora continua dos servizos”.

“Como sabedes -dixo Lara Méndez- é un servizo moi ambicioso en medios e nos parámetros ambientais impostos porque non só ofreceremos un servizo de gran calidade á veciñanza, tamén buscamos que o seu labor cause o menor impacto medioambiental e evite molestias aos cidadáns”.

A maquinaria irá chegando de maneira progresiva durante os vindeiros meses, e mentres isto se produce a empresa adxudicataria contará cos actuais medios e reforzará con medios propios ou alugados aqueles servizos que así o precisen.

Tamén se irán renovando na súa totalidade a partir do mes de outubro os colectores e incorporando novos, ata un total de 4.031. O obxectivo do concello é homoxeneizar a súa imaxe, minorando o impacto visual, mellorar a seguridade e accesibilidade dos usuarios e. aumentar a capacidade de recollida para evitar que se produzan situacións de desborde. Así, aumentarase a capacidade nun 100 % na fracción orgánica, que se implantará este ano, un 78% os envases, un 42,3% a fracción resto e un 28,6% o papel cartón.

“A xestión do sistema estará controlada e optimizada a través das novas tecnoloxías seguindo as pautas que fixamos co Smart City, pero tamén con outras ferramentas que permitirán mellorar a separación de orixe para elevar as porcentaxes de reciclado e fomentar a compostaxe na zona rural e a instalacións de composteiros comunitarios na zona urbana”, apuntou Méndez.

Tamén tras o verán actuarase nas illas dos colectores soterrados que existen na cidade, readaptándoos e homoxeneizando os buzóns.

Tarefas diarias de limpeza

En canto a tarefa de limpeza diaria, desenvolveranse quince operacións diarias de barrido, baldeo e desbroces entre outras precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboledo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas.

Ademais, incidiu a rexedora, realizaranse labores de limpeza intensivas por barrios e atendendo as áreas de alta densidade residencial, industrial, comercial, hostaleira e universitaria, a actividade turística, así como as zonas históricas, escolares, deportivas e de ocio.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou que se realizarán supervisións e inspeccións diarias dos traballos “e, cada trimestre, a empresa deberá presentarnos unha auditoría de calidade”.

Para unha maior operatividade, a empresa instalou 4 cuarteliños, dous deles xa operativos e os outros o estarán en breve, desde onde sairán os equipo lixeiros para que os tempos de desprazamento sexan menores. Están instalados en en San Isidro Labrador, Rio Ser, Catasol e rúa Clérigos.

En Clérigos se ubicará, ademais, a Oficina de Atención ao Cidadá e unha Aula Medioambiental de formación permanente, tanto dos empregados do servicio como da cidadanía. O obxectivo, segundo a alcaldesa, é aumentar o contacto coa cidadanía para atender mellor as súas demandas e acadar unha maior implicación da veciñanza no coidado da cidade”.

Os cidadáns dispoñen xa dun teléfono de atención, que é gratuíto (900909671), e xa se está a traballar nunha app gratuíta na que poder facer solicitudes e presentar queixas ou incidencias cando o consideren oportuno.

Desde onte tamén funciona xa en horario ampliado e continuado o Punto Limpo do Ceao, que abre de luns a sábado, de 9 a 21 horas, e nos vindeiros meses comezarán a funcionar os 2 equipos específicos móbiles.

Ademais destas instalacións, a empresa ten alugado unha nave no Ceao de maneira provisional, que será a súa base, mentres constrúe as definitivas nas Gándaras, nunha parcela municipal de 12.000 m2, onde albergará as súas oficinas e maquinaria e tamén onde edificará unha planta de gas para dar servizo os seus vehículos e ao resto dos municipais. Dependencias que pasarán a ser do Concello en canto finalice a adxudicación, polo que se rebaixarán as contías dos futuros contratos e aumentará o patrimonio municipal.

Estas instalacións contarán cun consumo case nulo de enerxía, seguindo o modelo de cidade de Lugo.

Recollida de lixo

A empresa adxudicataria deberá efectuar a recollida selectiva de residuos domésticos e comerciais xerados dentro do termo municipal, así como o transporte até a Estación de Transferencia correspondente ou recuperador autorizado.

O servizo contempla a totalidade dos residuos, agás os xerados por industrias ou talleres non asimilables a domésticos; os tóxicos, nocivos ou perigosos e vehículos abandonados.

Son os seguintes:

  • Fracción resto de residuos
  • Fracción orgánica (colector marrón)
  • Envases
  • Residuos no casco histórico, cuha contenerización específica
  • Residuos en mercados municipais, ambulantes e mercadillos
  • Residuos voluminosos (mobles e aveños domésticos)
  • Residuos de aparellos eléctricos e electrónicos
  • Cadáveres de animais domésticos que aparezan na vía pública
  • Residuos procedentes dos servizos de limpeza urbana
  • Cascallos procedentes de obras menores domiciliarias
  • Residuos biodegradables de orixe domiciliaria (podas de xardíns, céspede, etc)
  • Fracción de envases lixeiros, con colector e porta a porta
  • Papel cartón, con colector e porta a porta nos comercios
  • Vixilancia e xestión do punto limpo municipal e xestión dun punto limpo móbil
  • Residuos en feiras, festas e eventos
  • Pilas
  • Textil
  • Aceites domésticos
  • Proxecto de compostaxe individual  e comunitaria

Entre as novidades, destaca a implantación da recollida da fracción orgánica, que se fará de luns a sábado, que busca reducir a xeración de residuos nun 20% e que se recicle o 50% do total de residuos. Para iso, a adxudicataria proporán dous servizos diferentes, unha recollida segregada dos residuos biodegradables de sresto alimenticios e de cociña na zona urbana da cidade, e outro de tratamento domiciliario de biorresiduos na zona rural do termo municipal.

O ámbito proposto no proxecto será discrecional para os licitadores, pero deberá contemplar á súa vez a recollida e xestión de 400 cubos marróns destinados á recollida de fracción orgánica en grandes produtores. Estas actuacións complementaranse coa instalación e xestión de 1.114 composteros individuais e  30 composteros comunitarios.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o novo servicio de limpeza e recollida de residuos "EcoLugo" | Descargar mp3

Noticias relacionadas