O Goberno oferta un Nadal máis as Aulas Abertas para a conciliación durante as vacacións

Ana González deu a coñecer este venres a programación dirixida a nenos e nenas de 3 a 11 anos, que terá lugar lugar nos centros de convivencia da Milagrosa e Maruja Mallo

As Aulas Abertas celebraranse dende o 26 de decembro ao 4 de xaneiro, de 09:00 a 14.00 horas. O prazo de inscrición ábrese o mércores e debe realizarse no centro no que se vaian a realizar as actividades

Venres, 07 de decembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Goberno de Lugo oferta un Nadal máis a programación de Aulas Abertas, co obxecto de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral nas vacacións destas datas. Así o deu a coñecer este venres a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Gonzalez Abelleira. Trátase de actividades dirixidas a nenos e nenas de 3 a 11 anos, que terán lugar nos centros de convivencia da Milagrosa -de 4 a 11 anos- e de Maruja Mallo -de 3 a 8 anos-; 09:00 a 14:00 horas. Hai 20 prazas en cada centro, é dicir, un total de 40 prazas. Estas actividades tamén reforzan as ociotecas que ofrece o Concello.

Tal e como explicou a Concelleira, con estas propostas, o Goberno pretende unha vez máis axudar aos pais e nais a compatibilizar mellor a súa xornada de traballo coa atención dos nenos e nenas nestas datas; e ofrecer, ao mesmo tempo, alternativas lúdicas para que os cativos e cativas pasen este tempo con outros pequenos e pequenas compartindo actividades que suman aspectos lúdicos e educativos.

As Aulas Abertas celebraranse os días 26, 27 e 28 de decembro e os días 2, 3, e 4 de xaneiro de 2019. As persoas interesadas deberán aboar 1,03 euros ao día.

As solicitudes de inscrición deben realizarse dende o vindeiro mércores, 12 de decembro, ao venres, 14 de decembro, de 09:00 a 13:00 horas no centro no que se queira realizar a actividade. Resérvase un máximo dun 40% das prazas para persoas con diversidade funcional. Cada persoa só poderá efectuar solicitudes para unha única unidade familiar. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición. A participación nesta programación seguirá a seguinte orde de prioridade: persoas empadroadas no Concello de Lugo, persoas non empadroadas derivadas polo servizos sociais do Concello.

Documento

Audio

Noticias relacionadas