A Alcaldesa destacou as accións que sitúan a cidade á vangarda no xa coñecido como o ‘Davos español’, que centrou as xornadas en ‘Impulsar o cambio en momentos de incerteza’.
Europa estuda que no 2030 só se autorice a obra nova en neutralidade climática, onde a madeira é un material apto, e Francia quere obrigar a que os edificios públicos sexan de madeira. “En Lugo xa comezamos e demostramos que se pode facer desde a xestión forestal sostible”, di a rexedora.
O Foro valorou ademais, a valentía de Lugo, “unha cidade media” para crear un fondo inversor para atraer empresas innovadoras á cidade e crear emprego de calidade.
- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, foi convidada a participar no Foro Económico WakeUp Spain! 2023 -que reuniu esta semana durante catro días na Casa de América en Madrid aos líderes empresariais máis influentes do país- para explicar a súa estratexia de cidade sostible e de transformación económica. Méndez foi a única rexedora en participar, xunto ao alcalde de Logroño.
O WakeUp Spain!, coñecido como o Davos español, é un punto de encontro dos axentes sociais, administracións, investigadores e empresas, desde os xigantes do Ibex ata máis innovadoras start ups, que este ano centrou as súas xornadas en como ‘Impulsar o cambio en momentos de incerteza’.
Neste contexto, a rexedora destacou a estratexia de deseño das cidades sostibles do futuro que lidera Lugo a través de proxectos de vangarda de construción de edificios en altura que usan a madeira como elemento estrutural, “o que suporá sen dúbida un revulsivo na loita contra o cambio climático pero tamén para o sector forestal lucense e de Galicia, sendo o Concello de Lugo a primeira administración de España que xa utiliza este sistema nos seus edificios públicos”.
A Unión Europea quere que para o 2030 só se autorice a obra nova en neutralidade climática, onde a madeira é un material apto, e Francia estuda a obrigatoriedade de que os edificios construídos con fondos públicos usen a madeira polo menos nun 50%, “por iso Lugo está á vangarda e por iso Europa mira para nós con interese, amosando, ademais, co exemplo do Impulso Verde que se pode desenvolver esta transformación desde unha xestión forestal sostible”, incidiu Lara Méndez.
No foro tamén se interesaron polo Fondo inversor municipal Lugo Transforma, “un fondo moi valente para un Concello medio”, segundo apuntou o entrevistador á Alcaldesa, Rafael Navarro, Socio co fundador de Inndux, Innsomnia, D+I e Wake Up, Spain!. A rexedora destacou que este fondo está sendo clave para “atraer empresas innovadoras á cidade para crear emprego de calidade, e que está dando os seus froitos apoiando xa o crecemento de iniciativas empresariais en Lugo con moito talento, que darán apoio a súa vez a consolidar poboación no rural”.
Corredor Ferroviario Atlántico
Lara Méndez aproveitou a súa presenza neste foro para reivindicar o Corredor Ferroviario Atlántico de Mercadorías, “que levo reclamando desde hai anos con reunións con empresarios, sindicatos, veciños e tamén co anterior presidente da Xunta”, e agora, dixo, “estarei vixiante de que o compromiso do Secretario de Estado de Transportes para que Lugo teña presenza, se cumpra”.