A obtención destes espazos, demandada polas persoas usuarias do campo, permitirá mellorar o aparcamento e a accesibilidade á instalación deportiva.
O Goberno local leva traballando meses neste procedemento, que culmina cun acordo co Ministerio de Defensa.
"Levamos moito tempo traballando para desbloquear este proceso e hoxe podemos dicir que conseguimos un espazo fundamental para mellorar os accesos e o aparcamento dunha das nosas principais dotacións deportivas", subliñou Jorge Bustos.

O Executivo de Paula Alvarellos acadou a cesión temporal dos terreos anexos ao Campo de Fútbol das Gándaras, propiedade do Ministerio de Defensa, despois dun proceso de negociación e xestións iniciadas hai meses. A obtención destes espazos permitirá mellorar a accesibilidade á instalación deportiva e dar resposta a unha demanda recorrente da comunidade deportiva que fai uso do campo.
O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, subliñou a importancia deste logro: "Esta cesión temporal é unha boa noticia para a nosa cidade e, sobre todo, para todas as persoas que practican deporte no Campo das Gándaras. Levamos moito tempo traballando de maneira corrdinada coa Subdelegación de Defensa para desbloquear este proceso e hoxe podemos dicir que conseguimos un espazo fundamental para mellorar os accesos e o aparcamento dunha das nosas principais dotacións deportivas".
Bustos destacou que esta xestión se enmarca na aposta do Goberno local pola mellora das infraestruturas deportivas: "Seguimos traballando para que Lugo conte con espazos axeitados para a práctica deportiva. Este acordo é froito dun esforzo sostido do Concello para mellorar os servizos e condicións das nosas instalacións, garantindo que os deportistas poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións".
Desde o pasado mes de marzo, o Concello levou a cabo diversas xestións para determinar a titularidade dos terreos, tras constatar o seu uso habitual como zona de aparcamento do campo de fútbol. O Goberno local contactou coa Subdelegación do Goberno en Lugo, coa Subdelegación de Defensa e co Ministerio de Defensa, solicitando formalmente a cesión dos terreos para uso deportivo e de aparcamento. O edil Jorge Bustos quixo agradecer especialmente á Subdelegación de Defensa en Lugo a súa predisposición e colaboración en todo momento para levar a cabo este proceso: "Desde o primeiro momento atopamos unha actitude positiva e colaborativa por parte da Subdelegación de Defensa, o que facilitou as conversas e axilizou os trámites para poder chegar a este acordo, parte deste logro ten a súa sinatura".
Finalmente, o Ministerio de Defensa autorizou a cesión temporal destes espazos, establecendo que a cesión está condicionada á resolución dun proceso de depuración xurídica sobre os terreos, polo que a súa duración poderá verse afectada por este procedemento. Ademais, non se poderá realizar ningunha actividade con fins lucrativos nos terreos, e o Concello comprométese á súa adecuación, mellora e mantemento durante o tempo que dure a cesión. Unha vez finalizado o uso, os terreos deben quedar na mesma situación de limpeza e conservación, e o acceso a eles debe ser coordinado co persoal do Área de Patrimonio da Subdelegación de Defensa en A Coruña.
O edil Jorge Bustos asegurou que este logro reflicte o compromiso do Executivo de Paula Alvarellos co deporte lucense: "Desde a Área de Deportes asumimos con responsabilidade estas condicións porque sabemos da importancia que ten este espazo para os usuarios do Campo das Gándaras. Seguiremos traballando para consolidar esta dotación e facilitar a práctica deportiva na cidade".
Audio
- O edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, sobre a cesión temporal do Campo de Fútbol das Gándaras | Descargar mp3

