O Executivo de Lara Méndez impulsará medidas para combater a explotación sexual e a trata de mulleres a nivel local

Lugo adherirase á rede de cidades libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución.

A alcaldesa aposta por reforzar a colaboración cos colectivos que prestan servizos de asistencia ás vítimas de explotación sexual.

Desde a área de Cohesión Social impulsarase unha campaña de sensibilización orientada a concienciar sobre a responsabilidade dos comportamentos individuais.

Mércores, 27 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez impulsará medidas para combater a explotación sexual e a trata de mulleres a nivel local

O Goberno local planea pór en marcha un paquete de medidas que ten por obxectivo combater a explotación sexual e a trata de mulleres a nivel local. Esta iniciativa, para a que o grupo municipal socialista acadou o apoio de toda a corporación a través dunha declaración institucional presentada ao pleno deste mes, será desenvolvida a través dun traballo transversal que involucrará a distintas áreas da Administración local.  Deste xeito, Lugo adherirase á rede de cidades libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución. Pero o Executivo aposta tamén por reforzar a colaboración cos colectivos que prestan asistencia para ampliar o ámbito de protección ás vítimas e por realizar campañas de sensibilización, entre outras medidas.

“Desde o Concello de Lugo asumimos que, desde os nosos ámbitos competenciais, debemos seguir traballando para dotar de recursos e garantías ás mulleres, nenas e nenos vítimas de explotación sexual. A liberdade e a igualdade son incompatibles coa prostitución, unha das formas máis crueis nas que se manifesta a violencia contra as mulleres que está relacionada coa marxinación, a dificultade económica e a cultura sexista e patriarcal”, afirmou a concelleira de Cohesión Social, Ana Abelleira.

“Desde a área de Cohesión Social imos impulsar unha campaña de sensibilización orientada a concienciar sobre as consecuencias da explotación sexual e a responsabilidade dos comportamentos individuais co obxectivo de xerar conciencia social sobre esta forma de violencia contra as mulleres. Ademais o Goberno seguirá a vixiar ás actividades desenvolvidas en determinados locais coa fin de evitar que neles se promova a explotación sexual e estará alerta da organización de determinados eventos susceptibles de ser prohibidos como xa ocorreu no pasado”, explicou a concelleira, que aposta por establecer outras canles de comunicación nas que a veciñanza poida denunciar casos de explotación.

“As mulleres e as nenas representan o 71% das vítimas de trata de todo o mundo, sendo a explotación sexual a forma máis común (8 de cada 10 casos). Por iso prostitución e trata con fins de explotación sexual non se poden disociar. Son dúas caras dunha mesma realidade, que no Estado presenta datos absolutamente inasumibles: España é o Estado europeo con maior demanda de prostitución e o terceiro do mundo”, manifestou a edila, quen reclama unha maior implicación da Xunta de Galicia nesta tarefa.

“Este debe ser un traballo conxunto de todas as Administracións. É necesario ir poñendo o foco, no marco das competencias autonómicas, na actuación fronte aos proxenetas e estudar cal é o marco legal posible para perseguilos, tal e como xa están facendo noutros territorios. Loxicamente, para isto é preciso obter canto antes un mapa da situación da prostitución en Galicia, algo que contempla o plan galego aprobado en 2022, pero por desgraza descoñecemos se xa existe”, concluíu Abelleira.

Audio

  • A concelleira de Cohesión Social, Ana Abelleira, sobre a loita e trata de mulleres | Descargar mp3

Noticias relacionadas