O Executivo de Lara Méndez esixirá no Pleno que a Xunta mellore as infraestruturas viarias lucenses para impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia

O documento inclué proxectos locais, como o Plan Paradai, o enlace de conexión entre o Parque das Gándaras e a A-6 ou a contrución de dúas sendas peonís e ciclistas comprometidas polo Consello da Xunta en marzo do 2022.

A iniciativa evidencia a falta de vontade política do actual Goberno autonómico cos accesos ao porto seco de Monforte, o atraso no corredor de Nadela a Sarria, a Vía de Alta Capacidade da Costa ou o arranxo da LU-651 entre Folgoso do Courel e Quiroga.

Sábado, 18 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez esixirá no Pleno que a Xunta mellore as infraestruturas viarias lucenses para impulsar o desenvolvemento económico e social da provincia

A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición na que reclama ao Goberno autonómico que acometa as obras necesarias nas infraestruturas viarias da provincia co obxectivo de acadar unha mellora real da mobilidade no noso territorio. O documento insta á Xunta de Galicia a que se comprometa a desbloquear e avanzar en proxectos que son fundamentais para posibilitar o desenvolvemento social e económico de Lugo. “As carencias existentes neste sentido están a restar valor competitivo para acometer a necesaia captación de iniciativas empresariais e, en consecuencia, impide que se acade a cohesión social e territorial necesaria para equiparar os niveis de calidade de vida da nosa poboación co doutras provincias galegas”, sinalou ao respecto a voceira municipal , Paula Alvarellos.

Deste xeito, o grupo socialista pide no seu texto, entre outros moitos aspectos, garantir a finalización do Plan Paradai, 24 anos despois de iniciarse e, de modo urxente, executar a rexeneración integral da rúa Serra de Meira, abordando a súa adecuación, dende a rotonda da Avenida Adolfo Suárez ata a rotonda que dá acceso á nova Ponte Romai, renovando así a pavimentación e as redes de saneamento da zona. Unha intervención que xa lle foi solicitada por este Concello en marzo deste mesmo ano.

Así mesmo, o documento esixe ao Goberno autonómico que aborde con urxencia o procedemento para executar o enlace de conexión entre o Parque das Gándaras e a A-6, mellorando deste modo, as comunicacións dos polígonos industriais da capital coa rede de autovías, atendendo á petición dos colectivos empresariais da cidade. “Esta falta de investimento e a pasividade a hora de executar proxectos repercute particularmente de xeito negativo sobre o noso municipio pola súa condición de capital”, destacou a edila.

“Este Goberno local, coñecedor do papel de Lugo como centro neurálxico e necesario motor para a provincia, traballa de xeito sistemático desde o ano 2015 para acadar os investimentos necesarios nesta materia por parte de todas as administracións competentes, independentemente da súa cor política”, proseguiu. Neste sentido, a proposición insta aos grupos da corporación a solicitar a Consellería de Infeaestruturas e Mobilidade que execute os accesos ao Porto Seco de Monforte, que acumula 10 anos de retraso, e e avanzar na consecución da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte para impedir que os problemas de comunicación intermunicipal siga lastrando o histórico peso económico da Mariña na provincia.

Esta iniciativa, que se presenta despois de que no Pleno de outubro o grupo popular negárase a debater este asunto en forma de enmenda, solicita un compromiso real para continuar desdobrando o corredor de Nadela a Sarria, cuxa previsión orzamentaria e insuficiente. De xeito similar, pide arranxar a LU-651 entre Folgoso do Courel e Quiroga, e darlle continuidade ás obras no eixo Begonte – Friol – Palas de Rei. Así mesmo, o Executivo de Lara Méndez esixe a Xunta que aborde a contrución de dúas sendas peonís e ciclistas comprometidas polo Consello da Xunta en marzo do 2022 para mellorar a mobilidade na capital e insta o ente autonómico a face un maior esforzo orzamentario para eliminar os tramos de concentración de accidentes nas vías de carácter autonómico da nosa provincia.

“O impacto negativo desta innegable falta de vontade para vertebrar o territorio lucense de forma interna, evidenciada por parte do Goberno autonómico exercicio tras exercicio desde o ano 2009, está a afondar nas desigualdades xerando unha Galicia de dúas velocidades: a occidental, percorrida polo eixo da AP-9, que gaña poboación, e a interior, que ve como a falta de oportunidades baleira o seu territorio”, rematou Alvarellos.

Noticias relacionadas