O Concello rexeita a celebración dunha festa sexista programada para o 23 de marzo en Lugo

Xoves, 15 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo, a través da Casa da Muller, servizo municipal que traballa a prol da igualdade de xénero, rexeita a celebración dunha festa sexista programada para o vindeiro 23 de marzo na cidade, nun local aínda sen determinar, segundo aparece no cartel anunciador.

A festa que xa tivo lugar con anterioridade noutras localidades, en Vigo o pasado 9 de marzo, ten un contido claramente sexista, tal e como consta na publicidade que aparece estes días en establecementos da cidade, así como nas capturas de pantalla doutras festas deste tipo realizadas con anterioridade, onde se marca un código de vestimenta obrigatorio para as mulleres, as cales deben acudir vestidas dun modo sexy, como colexialas  ou xogadoras de béisbol. Ademais, resulta moi preocupante que tal e como reflicte a prensa, durante a festa da pasada fin de semana tiveron lugar escenas como a dun “boy agarrando do pelo a unha muller do público”.

O Concello rexeita a celebración deste tipo de festas, onde se cousifica ás mulleres e se afianzan os estereotipos de xénero, e pide á cidadanía e aos establecementos de Lugo que non acudan e non apoien a celebración deste tipo de eventos.

A entidade local, a través da Casa da Muller e do Foro de Participación Cidadá en Materia de Igualdade. seguirá traballando para promover a igualdade de xénero e rematar coas actividades e prácticas que contribúen a afianzar a discriminación que aínda sofren as mulleres.

Así mesmo, subliña o dereito de todas as mulleres de Lugo a gozar do lecer e das festas, dun xeito libre de estereotipos, de acoso e con seguridade e liberdade a calquera hora do día e da noite.

Noticias relacionadas