O Concello instala tres novas marquesiñas para o transporte escolar no rural

As marquesiñas, instaladas nas parroquias de Mazoi, Bacurín e San Mamede dos Anxos, teñen unha dimensión de 2,50 x 1,20 metros e unha altura de 2,30 metros

Luns, 18 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello instala tres novas marquesiñas para o transporte escolar no rural

O Concello de Lugo vén de instalar tres novas marquesiñas na zona rural, concretamente nas parroquias de Mazoi, Bacurín e San Mamede dos Anxos, para as paradas do transporte escolar existentes. Así o anunciou este luns o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, quen sinalou que estes traballos enmárcanse no compromiso do Concello co rural, que representan o 80% do territorio.

Fernández apuntou que dende o Concello se está traballando para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas, tanto da zona urbana como do rural, e aclarou que estas paradas eran prioridade, posto que se trataba de lugares que ata o momento non dispoñían dun espazo cuberto, non tendo os usarios como protexerse das inclemencias metereolóxicas. O Concelleiro manifestou que “seguiremos traballando para dar resposta ás prioridades da veciñanza” e anunciou que a entidade local, na medida do posible, seguirá instalando máis marquesiñas no rural, así como arranxando as deterioradas.

As novas marquesiñas teñen unha dimensión de 2,50 x 1,20 metros e unha altura de 2,30 metros. A súa estrutura é de tubo rectangular de aceiro galvanizado e lacado en verde, cun teito de chapa de aceiro e un peche en vidro laminado. O seu mobiliario interior está composto por un banco de madeira apoiado en estrutura metálica.

Noticias relacionadas