O Concello instala preto de sesenta aparcabicis en distintos puntos do casco histórico da cidade

Daniel Piñeiro e Miguel Fernández supervisaron a colocación destes soportes, unha iniciativa “que entronca co modelo de cidade que persegue este Goberno Municipal, que ten como principio e fin de cada acción ás persoas, e co desenvolvemento sostible que buscamos para a cidade”

Luns, 19 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello instala preto de sesenta aparcabicis en distintos puntos do casco histórico da cidade

O Concello comezou este luns a instalar preto de sesenta prazas gratuítas de aparcamento para estacionar bicicletas en varios puntos do casco histórico da cidade, en conxuntos de 2 e 4 prazas cada dispositivo, co obxectivo de pór a disposición dos usuarios deste medio un aparcadoiro seguro para as súas bicicletas, tal e como subliñou o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen, acompañado do voceiro municipal, Miguel Fernández, supervisou a colocación destes soportes.

“Con este proxecto demostramos unha vez máis que temos en conta as propostas dos veciños e veciñas”, asegurou o edil, que lembrou que dita colocación nace dunha proposta nos Orzamentos Participativos do Concello. Ademais, a entidade local pretende fomentar a utilización das bicicletas en detrimento do automóbil, ao tempo que se incorporan á mobilidade cidadá, manifestou Piñeiro. “A iniciativa entronca ademais co modelo de cidade que persegue este Goberno Municipal, que ten como principio e fin de cada acción ás persoas, e co desenvolvemento sostible que buscamos para a cidade, no que pensamos en cada unha das iniciativas que estamos levando a cabo”.

Os aparcabicis, nos que a entidade local investiu preto duns 10.000 euros, colocaranse nesta semana no centro histórico. Concretamente irán instalados na Praza Anxo Fernández Gómez, onde irán colocadas 4 unidades cun total de 8 prazas, dúas na esquina do Concello e outras dúas no lado de Correos; na Praza de San Marcos, 4 unidades con 8 prazas, na zona esquerda da porta principal do Pazo de San Marcos, e outros 4 soportes, con 8 unidades, na rúa Xoán Montes. Todos os usuarios de bicicletas tamén poderán deixar a súa bici aparcada na Praza de Santo Domingo, onde o Concello poñerá 14 prazas, ou na Praza da Soidade con 4 prazas. Así mesmo, haberá aparcadoiros entre a zona arborada da rúa da Raíña, 8 prazas, e na Praza de Santa María, 4 prazas, ao lado das escaleiras que dan á rúa Catedral.

Posteriormente, o Concello estuda colocar estes soportes en distintos barrios da cidade. Tal e como deu a coñecer o edil, a entidade local adquiriu distintos deseños en función da súa colocación, atendendo principalmente á súa situación dentro ou fóra do recinto amurallado.

Noticias relacionadas