O Concello inicia o proceso de licitación para a xestión da cafetería do Parque Rosalía de Castro mantendo o canon anterior

O importe da súa explotación sae a concurso por un mínimo de 1.500 €/mes para favorecer a concorrencia de ofertas.

A concesión se ofrecerá por un prazo de cinco anos, prorrogables por outros cinco.

A edil Paula Alvarellos convida ao empresariado local a concorrer á oferta e destaca o valor engadido das instalacións “dentro da zona verde máis emblemática da capital”.

Xoves, 29 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo autorizou, en Xunta de Goberno, a apertura do procedemento para licitar a xestión da cafetería do Parque de Rosalía de Castro, logo de que a área de Contratación actualizara os pregos para adecualos ao contexto económico e social actual.

Así, a tenenta de alcaldesa e responsable de Gobernanza, Paula Alvarellos, explicou que o canon para a súa explotación sairá a concurso por un mínimo de 1.500 euros ao mes (18.000 € anuais).

“Optamos por manter o mesmo importe que xa figuraba nas anteriores bases, de 2012, co obxectivo de facilitar a concorrencia do maior número de participantes no proceso e sendo conscientes da realidade tan complexa que vivimos neste momento e que pode condicionar o emprendemento”, referiu a edil.

A este respecto, Alvarellos Fondo destacou o valor engadido co que contan as instalacións, “como é un emprazamento inigualable, en pleno corazón da cidade e nun dos espazos verdes máis simbólicos de toda a capital: o parque centenario de Rosalía de Castro. Un lugar de visita obrigada e un espazo de convivencia por excelencia en Lugo que practicamente garante o fluxo constante de persoas nas inmediacións, nas que tamén se atopan centros educativos e dependencias xudiciais que contribúen a incrementar a súa viabilidade económica, polo que convidamos ao empresariado local a concorrer ao proceso e presentar as súas ofertas”.

A concesión, que se suma ás outras tres que actualmente o Concello mantén en vigor (nas piscinas do Parque da Milagrosa e das Pedreiras e no CEI Nodus) ten unha duración de cinco anos e poderá ser prorrogada até un máximo de dez.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a cafetería do Parque de Rosalía | Descargar mp3

Noticias relacionadas