O Concello incorpora os espazos urbanos e naturais de Lugo como elementos pedagóxicos e seguros nos programas de conciliación

A rexedora Lara Méndez explica que se desenvolverán en contornas seguras para a infancia, “garantindo as actividades lúdico educativas en condicións de sanidade e hixiene óptimas”

O Goberno local presenta as bases dos programas Aulas Abertas e Aprende Xogando, que se desenvolverán desde xullo a setembro, para crianzas de 3 a 12 anos de idade

Os monitores recibirán formación específica sobre as medidas de protección dos menores e para deseñar as actividades adaptadas ás contornas da cidade onde se realizarán

Os prazos das inscricións, que serán telemáticas a través de correo electrónico, abriranse mañá ata o vindeiro día 21. Ofertaranse 200 prazas

Luns, 15 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello incorpora os espazos urbanos e naturais de Lugo como elementos pedagóxicos e seguros nos programas de conciliación

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou hoxe os programas Aulas Abertas e Aprende Xogando para a conciliación da vida laboral, familiar e persoal, que “ante as circunstancias excepcionais derivadas da pandemia, se desenvolverán cunha novidosa formulación, xa que deben combinar a necesidade dos pais e nais de acudir aos seus postos de traballo coa necesidade de que os menores interactúen en contornas seguras para a súa saúde, garantindo unhas condicións de sanidade e hixiene óptimas”.

Acompañada das concelleiras Ana González Abelleira e Olga López, a rexedora avanzou que “incorporaremos os espazos abertos da nosa cidade, especialmente as paraxes naturais, nas actividades lúdicas e de aprendizaxe, de xeito que poidamos enriquecelas ao mesmo tempo que protexemos aos nosos pequenos”. Lembrou que, segundo as evidencias científicas, o COVID-19 se transmite con máis dificultade no exterior xa que o contaxio ao aire libre é moito menos significativo que en lugares pechados.

Lara Méndez destacou que tamén se pensou nesta reformulación no benestar e o coidado da infancia, pensando nas súas esixencias físicas e emocionais despois de semanas de confinamento, “tendo en conta o seu especial coidado xa que é a poboación máis fráxil”. Ademais, sostivo que “seguiremos un sistema xa moi probado noutros países, como Holanda ou Dinamarca. Queremos que os nosos nenos e nenas poidan comportarse como tales, mesmo durante esta pandemia, moi na liña do noso modelo de cidade sostible”.

A alcaldesa sinalou que  “ante o desafío de adaptar as accións de conciliación á nova realidade, e a pesar de carecer dun protocolo de organización por parte da administración competente, que é a Xunta de Galicia, poñeremos en marcha os plans cunha programación alternativa á habitual xa que é máis necesario que nunca”.

Para a execución dos programas contarase co equipo de educadores e pedagogos do proxecto Nenea en Lugo, que impartirá formación específica aos monitores, tanto para abordar as actividades coas medidas de seguridade necesarias como para deseñar a programación adaptada aos ámbitos urbanos e naturais do termo municipal como, por exemplo, os parques Rosalía de Castro ou o de Paxariños, no Rato, a praza da Milagrosa ou o Lugo da zona centro, onde se establecerán xogos que permitan aos pequenos investigar e coñecer mellor estes espazos. As actividades tamén se desenvolverán na Facultade de Formación do Profesorado.

As accións serán levadas a cabo en pequenos grupos, células de 10 persoas (incluíndo a persoa responsable). E aínda que maioritariamente terán lugar en áreas exteriores, os espazos interiores, que deberán estar cerca das zonas elixidas, serán usados en condicións climáticas adversas.

Prazas e inscricións

Ana González Abelleira, Concelleira de Igualdade, Muller e Xuventude, e Olga López Racamonde, Concelleira de Benestar, Inclusión e Maiores, explicaron as bases dos programas, para os que se abre o prazo de inscrición mañá, día 16, ata o vindeiro día 21. As inscricións serán telemáticas vía correo electrónico. Deberase enviar os datos a aulasabertas@lugo.gal, sinalando nome, apelidos e DNI do/da nai, pai ou titor legal, así como o nome, apelidos e data de nacemento da/o menor e aportando  a documentación requirida.

Serán 80 prazas para a programación das Aulas Abertas, dirixida a nenos de 3 a 12 anos que este curso lectivo (2019/2020) xa estiveran escolarizados, que se desenvolverán nos espazos da Facultade de Formación do Profesorado sita na Avda Ramón Ferreiro, podendo ser habilitado calqueira outro espazo no caso de ser necesario, durante os meses de xullo e agosto, en horario de mañá, das 08.30 horas ás 14.00 horas.

Por outra banda, a iniciativa Aprende xogando (aprendexogando@lugo.gal) contará con 108 prazas e levarase a cabo durante os meses de xullo, agosto e a primeira quincena do mes de setembro: en horario de mañá, das 9.00 h. ás 14.00 horas, e en horario de tarde, das 16.00 h. ás 20,30 horas. Os proxenitores dos menores que acudan por primeira vez ao servizo, poderán facer a inscrición presencialmente na Casa da Muller, entre as 8.30 h. e as 14.30 horas, dos días 17 e 18 de xuño de 2020.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre o Programa de Conciliación Familiar | Descargar mp3
  • A edil Ana González, sobre o Aprende Xogando | Descargar mp3
  • A edil Olga López, sobre as Aulas Abertas | Descargar mp3

Máis info

Noticias relacionadas