O Concello de Lugo organizou hoxe unha xornada para informar ós emprendedores das axudas para autónomos convocadas pola Xunta

Luns, 02 de xuño de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Sonia Méndez explicou que o Concello de Lugo ten paralizados 450.000 euros de subvencións para emprendedores ao non ter resposta e autorización da Xunta de Galicia

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, asistiu esta mañá a primeira das reunións informativas destinadas a todos os emprendedores e que imparten os técnicos municipais do CEI-Nodus. Na xornada tamén participaron o técnico do CEI-Nodus, Norman Veiga; Ana López, técnica de Aelu, e Antonio Figueroa, que é técnico de Terras de Lugo.

Nesta primeira xornada foron 20 os emprendedores que se achegaron á xornada para recibir información sobre a liña de axudas que aprobou a Xunta de Galicia para o emprendemento e a única que hai en Galicia.  Así, ante a demanda por parte dos emprendedores e a escasa difusión desta liña de axudas optouse por facer unha reunión informativa sobre a mesma.

Sonia Méndez tamén explicou que o Concello, dende hai catro meses, ten solicitada unha autorización para convocar unha liña de axudas para emprendedores de Lugo por valor de 450.000 euros e que están paralizados porque a Xunta aínda non comunicou se o Concello pode convocalas ou non porque non son competencia municipal.

Ademais tamén resaltou que a Lei de Medidas Urxentes aprobada o pasado xoves pola Xunta de Galicia non aclara nada sobre a competencia das administracións senón que complica, aínda máis, a tramitación destas autorizacións en lugar de simplificalas, perxudicando as axudas para emprendedores.

O CEI-Nodus vai a organizar diferentes reunións informativas cada primeiro luns de cada mes ás 12.30 horas e aberta para todas as persoas que estén interesadas no emprendemento ou na creación de novas empresas. Son gratuítas e estarán impartidas polos propios técnicos municipais de asesoramento e innovación.

Multimedia

Noticias relacionadas