O Concello de Lugo licitará en 2021 máis de 130 contratos por un valor estimado que ronda os 68 millóns de euros

A Xunta de Goberno local aprobaba hoxe o Plan de Contratación Pública da Administración que dará prioridade á actualización e mellora dos servizos en vigor.

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, destacou que durante o pasado exercicio se tramitaron 120 procedementos e se mantivo a relación con todas as concesionarias municipais o que garantiu a continuidade de 700 postos de traballo.

Mércores, 03 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo licitará en 2021 máis de 130 contratos por un valor estimado que ronda os 68 millóns de euros

O executivo de Lara Méndez efectivizará este exercicio un total de 132 adxudicacións por un importe conxunto que se estima nun mínimo de 68 millóns de euros.

As previsións figuran no Plan de Contratación Pública do Concello de Lugo para o 2021 que esta mañá se aprobaba en Xunta de Goberno.

Un documento no que, segundo explicou a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, tamén se recollen as áreas que concentrarán un maior volume de procedementos. “Son, fundamentalmente, Medio Ambiente que acapararía case a metade dese orzamento en 20 licitacións, pero tamén o departamento de Infraestruturas, con 18 actuacións programadas, Medio Rural e Deportes con 12 e mesmo as iniciativas enmarcadas na Estratexia Dusi, que suman outra ducia de intervencións”.

A concelleira lembrou que as prioridades establecidas pola rexedora, Lara Méndez, “tal e como ela mesma avanzou en decembro”, sitúan, como primeiro obxectivo, a actualización administrativa de todas as prestacións que están en vigor. “Pero tamén agardamos poder sacar adiante novos contratos que mellorarán a xestión interna da institución como poden ser os destinados á adquisición de máis programas e equipamentos informáticos e materiais, así como a posta en marcha de colaboracións que incrementen a eficiencia da recadación e inspección tributaria, entre outros”.

Paula Alvarellos quixo destacar tamén o esforzo realizado polo persoal municipal durante o pasado ano, cando “nunha situación sen precedentes de pandemia e, en circunstancias especiais de teletraballo, se mantivo a capacidade da unidade de Contratación que conseguiu formalizar máis de 120 expedientes, dos que 39 se corresponden só con obras – axudando a dinamizar o tecido económico local - e outros tantos foron para subministracións e/ou servizos”.

Alvarellos Fondo incidiu tamén que, durante o pasado exercicio, o Concello mantivo inalteradas as súas relacións coas empresas concesionarias para evitar que estas tivesen que recorrer a un ERTE.

“Unha medida, adoptada pola alcaldesa mediante decreto, que serviu para garantir a continuidade de máis de 700 postos de traballo vinculados á administración local e que a día de hoxe se manteñen operativos, logrando evitar despedimentos nun momento de tanta incertidume laboral”, concluíu a responsable da área económica.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o Plan Anual de Contratación | Descargar mp3

Noticias relacionadas