O Concello de Lugo homenaxea no cemiterio á comunidade LGBT

Cristina López: “honramos con esta acción simbólica a todas as persoas que en vida tiveron que ocultar a súa orientación sexual”

A edil de Participación animou á sociedade a “avanzar cara unha sociedade na que se elimine a discriminación e a violencia contra a diversidade afectivo sexual”

Sábado, 27 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo homenaxea no cemiterio á comunidade LGBT

A área de Participación e servizos para a Veciñanza vén de colocar á entrada do Cemiterio Municipal de San Froilán unha coroa coas cores da bandeira LGBT. Segundo declarou a concelleira repsonsábel, Cristina López, “trátase dunha homenaxe que desde o concello queremos adicar a todas as persoas que en vida sufriron discriminación ou tiveron que ocultar a súa orientación sexual”.

“Trátase dunha homenaxe a todas as persoas LGBT que repousan no noso Cemiterio, mais tamén é unha chamada ao conxunto da sociedade para avanzar na eliminación de todo tipo de discriminacións e violencia, especialmente contra a diversidade afectivo sexual”, afirmou Cristina López, que lembrou que “malia que se faga especial fincapé en datas sinaladas, como o orgullo LGBT, debemos traballar nisto durante todos os días do ano”.

Cristina López sinalou a necesidade “de visibilizar e reivindicar máis ca nunca o dereito de todas as persoas a vivir libremente” e advertiu “do perigo de certos discursos que fan retroceder á sociedade no recoñecemento da diversidade afectivo sexual”.

Noticias relacionadas