O Concello de Lugo abonou en 2020 preto de 9.000 facturas a empresas e autonómos locais por importe de 53’7 millóns de euros

A área de Tesourería abonou no pasado exercicio económico o 96’67% das obrigas contraídas pola Institución, segundo reflicte a Conta Xeral.

A solvencia económica da que goza a Administración local contribuíu a rebaixar, alén, o período medio de pago até os 8’2 días, por debaixo dun terzo do prazo legal.

Venres, 27 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo abonou en 2020 preto de 9.000 facturas a empresas e autonómos locais por importe de 53’7 millóns de euros

O Goberno de Lara Méndez abonou en 2020 a cantidade de 86.652.815 euros, relativa as obrigas que o Concello de Lugo contraeu ese ano.

Un concepto que aglutina o pago aos provedores pero, tamén, ás persoas beneficiarias das diferentes axudas e subvencións municipais que se convocaron, entre outras moitas partidas.

Así, a área de Tesourería tramitou e liquidou durante o anterior exercicio o 96’67% dos gastos asumidos pola Administración local, tal e como reflicte a Conta Xeral dentro dos indicadores que avalan a suficiencia económica da Institución.

“Nesa porcentaxe inclúense, por tanto, un total de 8.982 facturas de empresas e autónomos que nos subministran obras e servizos, por un importe conxunto de 53.786.612 euros”, puntualizou a concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos.

A tenente de alcaldesa quixo destacar, igualmente, a redución durante o pasado ano do Período Medio de Pago aos provedores (PMP), que diminuiu case no 23% (22’88%) pasando dos 10’4 días rexistrados en 2019 aos 8’02 no 2020, por debaixo dun terzo do prazo legal establecido (30 días).

“Este balance contable constata non só que fixemos un maior esforzo económico a pesar da diminución de ingresos que supuxo a pandemia para as arcas locais, incrementando até os 909’88 € o investimento realizado por habitante, senón tamén que, grazas á implantación dos protocolos de traballo interno que estamos a aplicar, fomos quen de axilizar os procedementos”, salientou Paula Alvarellos.

“Dende o executivo queremos amosar a nosa satisfacción porque os pasos que levamos dados até o momento, en prol da eficacia administrativa - e para que esta reverta nunha maior celeridade burocrática e nunha mellor atención cidadá - estean a dar resultados. Son o froito da posta en marcha de moitas medidas, dende a organización do persoal, pasando pola simplificación dos procesos, pero tamén do firme compromiso amosado pola rexedora, Lara Méndez, para que nun contexto social de tanta incerteza como o que está a propiciar a COVID, o Concello sexa o principal apoio dos sectores produtivos do municipio. Amosouno coa convocatoria de axudas directas que paliaran as consecuencias económicas das restricións sanitarias pero tamén o fai cumprindo coas súas obrigas en tempo e forma, estando ao servizo da veciñanza, como é a súa vocación”, concluíu Paula Alvarellos.

Audio

  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a facturación e a Conta Xeral | Descargar mp3

Noticias relacionadas