O Concello celebra que o circuíto Jorge Prado acolla unha proba do Mundial de Motocrós e tende a man para colaborar na súa organización

O edil de Deportes comparte co piloto lucense a satisfacción pola nova pero lamenta que a Xunta non tivera a deferencia de comunicalo oficialmente, tendo en conta que as instalacións son municipais.

Jorge Bustos puxo en valor o esforzo do Executivo local para crear a nova dotación: “En pouco máis dun ano dende a súa inauguración, a pista é xa un referente no panorama nacional e internacional”, apuntou.

O recinto de Teixeiro tamén acollerá por segundo ano consecutivo unha proba do Campionato de España de Motocrós na súa categoría elite, a última fin de semana do mes de febreiro.

Xoves, 18 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello celebra que o circuíto Jorge Prado acolla unha proba do Mundial de Motocrós e tende a man para colaborar na súa organización

O edil de Deportes, Jorge Bustos, celebrou que o circuíto municipal Jorge Prado vaia acoller unha proba do Mundial de Motocrós de 2024, segundo informou este mércores nas súas redes sociais o propio piloto lucense.

“Dende o Concello queremos mostrar a nosa satisfacción pola nova, pois a celebración desta proba deportiva en Lugo vai proxectar a imaxe da nosa cidade como un excelente destino para a práctica desta disciplina, que se atopa en auxe; ao tempo que atraerá a centenares de afeccionados ao municipio que se achegarán  a gozar dun evento único”, explicou o concelleiro. A proba de Lugo, xunto coa que se vai disputar no circuíto Intu Xanadú-Arroyomolinos de Madrid, serán as únicas dúas paradas do MXGP en España.

“A pesar de que aínda non temos confirmación oficial, nin fomos informados por parte da Xunta de Galicia, un aceno institucional que lamentamos, amosamos a nosa máxima vontade de colaboración e tendemos a man para axudar, na medida das nosas posibilidades, na organización desta cita que se disputará en instalacións municipais”, subliñou Bustos.

O edil destacou a aposta decidida do Executivo para poñer en marcha en Lugo este circuíto punteiro, que “en pouco máis dun ano dende a súa posta en funcionamento é todo un referente no panorama nacional e internacional pola súa calidade e prestacións”.

Igualmente indicou que a realización da proba mundial esixe un desembolso económico moi elevado, que rolda os 300.000 euros e que, se ben a Xunta – en función da súa capacidade orzamentaria – está en disposición de achegar, a Admininstración local – cun presuposto menor e que atende practicamente todas as dotacións deportivas do municipio e asume a promoción do deporte base “cooperará poñendo a disposición as infraestruturas necesarias. De feito se é posible que o Mundial se celebre en Lugo é porque o circuíto está operativo”.

Finalmente, o concelleiro lembrou que “a pista Jorge Prado tamén volverá a ser sede do Campionato de España de Motocrós na súa categoría elite en 2024, por segundo ano consecutivo”.

A proba celebrarase a última fin de semana do mes de febreiro, os días 24 e 25, xusto dúas semanas antes do comezo do Mundial en Arxentina, e “axudará a difundir este deporte a nivel local e autonómico, ao tempo que contribúe a consolidar a nosa urbe como destino turístico deportivo”, incidiu.

Noticias relacionadas