O Concello abre un proceso de reflexión e participación cos axentes sociais e económicos para consensuar unha estratexia de cidade

Lara Méndez explicou como será o proceso Sumando Lugo, que recollerá “unha visión común da cidade do século XXI pensando no seu futuro”

O documento servirá de orientación ás intervencións e políticas públicas dos próximos anos e para responder ás perspectivas dos novos programas europeos

Crearanse grupos de traballo cos colectivos e axentes vinculados á empresa, veciñanza, política, universidade, cultura, deporte, mocidade e discapacidade, entre outros

Venres, 08 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello abre un proceso de reflexión e participación cos axentes sociais e económicos para consensuar unha estratexia de cidade

A Alcaldesa, Lara Méndez, anunciou a posta en marcha dun novo proceso de reflexión e debate cidadán que, baixo o lema Sumando Lugo, servirá para elaborar unha estratexia de cidade, “documento que recollerá unha visión común e consensuada da cidade do século XXI pensando no seu futuro”.

A rexedora destacou a importancia de establecer os denominadores comúns e os aspectos que a cidadanía considera prioritarios para o futuro do municipio. “A este proceso chamámoslle Sumando Lugo porque a estratexia de cidade non se deseña só a través das institucións, senón contando con toda a súa xente, recollendo o seu sentir. Debe ser unha decisión de todos”, sostivo. Por iso, o documento elaborarase contando cos distintos axentes e actores sociais e económicos, que achegarán “o seu diagnóstico, a súa visión, as súas perspectivas, os seus intereses e, desde logo, os seus anhelos e desexos para o territorio”.

O documento final será o resultado de acordar o futuro a medio e longo prazo co obxectivo de que sirva de orientación ás intervencións e políticas públicas dos próximos anos, ofrecendo unha visión global e intersectorial. 

Lara Méndez lembrou, ademais, que dispor dunha esta estratexia urbana será clave para poder participar nos próximos programas da Unión Europea e acceder aos fondos económicos enfocados ao desenvolvemento das cidades. “As vindeiras convocatorias europeas estarán condicionadas precisamente por estas estratexias e debemos de preparar Lugo para poder presentar as propostas co ánimo de que sexan gañadoras”, incidiu. Por iso, o proceso de participación cidadá desenvolverase a través da liña de gobernanza do programa Muramiñae, o programa de Desenvolvemento Urbano Sustentable Integrado (DUSI), financiado polo FEDER e o Concello lucense.

O documento pretende ser participado e consensuado, ao recoller as diferentes visións parciais e enfocado a unha mellora duradeira e a longo prazo, baseada en criterios de sustentabilidade, atención aos fenómenos sociais e ambientais, desenvolvemento económico endóxeno e identidade local e innovación tecnolóxica.

Méndez xa informou aos grupos políticos da Corporación deste proceso, no que tamén participarán os partidos políticos municipais, nas reunións da comisión EDUSI, a última celebrada a semana pasada. Ademais, xa se invitou a preto dunha trintena de actores e colectivos de Lugo a participar nos grupos de traballo que se crearán para tal fin, vinculados co mundo económico, empresarial, universitario, cultural, a infancia e mocidade, inclusión e discapacidade, deportes e ecoloxía.  “O obxectivo é desenvolver a avaliación tendo en conta o coñecemento e a experiencia de todos e todas para traballar cara un crecemento intelixente, sustentable e integrador da cidade”, sostivo.

O desenvolvemento de Sumando Lugo estará a cargo dunha entidade externa, que dirixirá os grupos de traballo, que se reunirán nunha intensa xornada prevista para o próximo día 22 deste mes, e que elaborará o documento final.

A empresa é Estrategias de Calidad Urbana, encabezada por Josep María Pascual Esteve, un dos expertos máis recoñecidos en España, Latinoamérica e o resto de Europa no desenvolvemento de plans estratéxicos.

O documento final será aberto para a súa consulta e presentarase a toda a cidadanía nunha conferencia que se celebrará entre marzo e abril deste ano, e que sentará a base dunha estratexia que se manterá con vida, que permitirá achegas e que se revisará no tempo.

O Concello de Lugo reforza así a súa aposta de implicar á cidadanía nos grandes proxectos de cidade, como xa fixo coas consultas para elaborar a candidatura que agora desenvolve co Muramiñae e como fai cos Orzamentos Participativos

Noticias relacionadas