O centro cívico da Milagrosa reabre este domingo cun gran baile de Nadal para a terceira idade

Lara Méndez convida á veciñanza a gozar da convocatoria que contará con música en directo e petiscos.
 
A partires desta fin de semana, retomaranse as sesións cada sábado e domingo, tanto neste centro como no Díaz Castro e Maruja Mallo onde os bailes xa se están a celebrar dende marzo.
 
As instalacións de Frigsa veñen de ser melloradas a través de obras de eficiencia enerxética que incrementarán o confort das dependencias para as persoas usuarias.

Venres, 16 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O centro cívico da Milagrosa reabre este domingo cun gran baile de Nadal para a terceira idade

A concellería de Benestar Social reabrirá este domingo as instalacións do Centro Cívico da Milagrosa, sito no parque de Frigsa, cun baile de Nadal para a terceira idade.
 
Recupéranse así estas sesións logo do paréntese que propiciou, primeiramente, a chegada da COVID-19 e, despois, a realización de obras de mellora para incrementar a eficiencia enerxética das dependencias.
 
Uns traballos que a rexedora cualificou como "totalmente necesarios e que van contribuír a aumentar o seu confort ofrecendo ás persoas usuarias un espazo máis cómodo e funcional”.
 
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a edil responsable de área, Olga Rópez Racamonde, aproveitaron para facer un chamamento aos veciños e veciñas, a sumarse este domingo, a partires das 17.30h, a unha xornada “moi especial” aberta a todas aquelas persoas que queiran participar na que “converteremos, por un día, os habituais bailes do centro social da Milagrosa, nunha ocasión para que a cidadanía poida reforzar lazos e gozar dun gran baile de Nadal, con música en directo e petiscos”.
 
Así, a partir desta fin de semana, os bailes de maiores regresarán ao barrio, todos os sábados e domingos, das 16.30 ás 20.00 horas. A concelleira de Benestar Social, Olga López lembrou que, dende marzo, “tamén se están a celebrar nos centros Díaz Castro e no Maruja Mallo, os mesmos días e no mesmo horario”.
 
Obras eficiencia enerxética no centro social da Milagrosa

O centro social da Milagrosa foi unha das oito dependencias municipais beneficiarias das obras de mellora da eficiencia enerxética cun investimento total de 3,7 millóns de euros, dos que o 80% da financiación procede das subvencións do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), acadadas polo Concello.
 
As actuacións acometidas no Centro social da Milagrosa tiveron lugar nas fachadas, cubertas, falsos teitos, ventás e portas permitindo reducir a demanda enerxética de calefacción.

Noticias relacionadas