O alcalde toma parte no acto de condena dun crime de violencia vicaria en Murcia e doutro asasinato machista en Ourense

Miguel Fernández e varios representantes da Corporación amosaron a súa repulsa por ambos sucesos, no minuto de silencio convocado fronte á Subdelegación do Goberno.

Luns, 07 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde toma parte no acto de condena dun crime de violencia vicaria en Murcia e doutro asasinato machista en Ourense

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, participou esta mañá no minuto de silencio convocado pola Subdelegación do Goberno en Lugo en repulsa polo asasinato dunha nena de 5 anos, o pasado día 1 de abril en Murcia, no primeiro crime de violencia vicaria deste 2025. Ademais, os asistentes renderon homenaxe a Josefa, unha muller de 76 anos que morreu na tarde de onte a mans do seu marido, no concello ourensán de O Bolo, e lamentaron que con este crime chegue a primeira vítima por violencia de xénero en Galicia deste 2025.

A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou que coa morte de Josefa xa son sete as mulleres asasinadas neste 2025 polas súas parellas ou ex parellas e 34 os menores que quedan orfos e orfas. Por outra banda, coa morte da nena de Murcia, confírmase a primeira vítima menor de idade asasinada por violencia de xénero en 2025 no noso país, unha morte que eleva a 63 os menores asasinados por violencia vicaria desde 2013, ano cando se empezaron a recompilar estes datos.

Noticias relacionadas