O alcalde de Lugo apela “á memoria colectiva para construír a xustiza social”, nos nomeamentos de fillos adoptivos da cidade a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega Barrera

O Vello Cárcere acolleu esta mañá o emotivo acto no que se rendeu homenaxe a estes “lucenses de corazón” pola súa contribución feita á educación e á sanidade públicas.

Xesús Alonso Montero dixo sentirse moi honrado e recoñeceu que “como cidadán e profesor nos meus 16 anos de Lugo, vivín o período máis interesante da miña vida”.

Para os netos de Rafael de Vega “recordar la memoria histórica y transmitir los valores de democracia que defendió es cerrar heridas con verdad, justicia social y reparación”.

Domingo, 09 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O alcalde de Lugo apela “á memoria colectiva para construír a xustiza social”, nos nomeamentos de fillos adoptivos da cidade a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega Barrera

O patio do Vello Cárcere de Lugo acolleu esta mañá un emotivo acto para render homenaxe a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega Barrera, co nomeamento de ambos como fillos adoptivos da cidade de Lugo. Un acto co que o Concello de Lugo pretendeu non só honrar e recoñecer ambas traxectorias e a súa contribución á educación e á sanidade públicas, senón facer xustiza social a través da memoria colectiva de toda unha cidade. Neste sentido, o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, fixo referencia “á pegada imborrable que ambas persoas deixaron na nosa cidade e que, estou convencido, aportará importantes valores ás xeracións futuras”. Ademais, o rexedor municipal sinalou que “hoxe é un día importante para todos e todas as lucenses porque con estes nomeamentos tamén distínguese á cidade, ás persoas que traballaron por mellorala, e iso é algo que como lucenses ten que enchernos de orgullo.

Miguel Fernández tivo unha lembranza especial para a anterior alcaldesa Paula Alvarellos, “que foi quen de impulsar estas distincións, ben a título particular, como é o caso da de Rafael de Vega, ou ben recollendo as demandas de veciños e veciñas no que respecta ao nomeamento de Xesús Alonso Montero, dous propostas que subscribo porque non podo estar máis de acordo con este recoñecemento”.

Para o rexedor municipal “con estas distincións, Lugo recoñece a Xesús Alonso Montero polo seu papel clave na formación de xeracións de estudantes e na defensa da lingua galega, e a Rafael de Vega por ser un pioneiro na modernización da sanidade lucense e un firme defensor do dereito universal á saúde. Son, en definitiva, dúas figuras inspiradoras, exemplares e irrepetibles para Lugo”. 

Distincións

As palabras do escritor e amigo de Xesús Alonso Montero, Claudio Rodríguez Fer serviron para guiar aos asistentes pola ampla traxectoria deste profesor, que fixo do pensamento crítico un compromiso co seu tempo. Trala súa intervención chegou un dos momentos máis importantes deste acto coa distinción a Alonso Montero como Fillo Adoptivo da Cidade de Lugo, nunha placa na que se ensalza “a súa inmensa contribución á nosa cultura, á nosa sociedade e á nosa educación. Imaxinar un mundo con máis persoas como el é soñar cun futuro mellor para todos e todas”.

Na súa intervención, o primeiro homenaxeado sinalou que “é unha inmensa honra para min, non sei ben por que se me concede. Cismando nos motivos, supoño que o Concello tivo en conta, nalgunha medida, as características miñas, como cidadán e profesor nos meus 16 anos de Lugo (o período máis interesante da miña vida). O profesor tivo palabras de recordo e cariño para o outro homenaxeado e tirou de retranca e ironía para referirse aos informes da Dirección General de Seguridad de Madrid e da persecuación da que foi obxecto durante o réxime pola súa defensa da cultura e da lingua galega.

A continuación tivo lugar o recoñecemento a Rafael de Vega, co protagonismo para dous dos seus netos, Rafael Pérez de Vega e Santos de Vega Villa. Desde a súa familia, destacaron que “este acto no es solo un reconocimiento honorífico, es un gesto de reparación personal hacia alguien cuya vida estuvo guiada por la vocación de servir, sanar y dignificar al ser humano. Recordar la memoria histórica y transmitir los valores de la democracia que defendieron nuestros familiares es cerrar heridas con verdad, justicia social y reparación”, sinalaron.

O alcalde de Lugo entregou á familia de Rafael de Vega a placa na que se lle recoñece como “Fillo Adoptivo de Lugo polo seu exemplo de humanidade, polo seu compromiso coa sociedade e polo sacrificio que honra a nosa historia. A memoria é a forma máis digna que temos de facer xustiza”.

Nos seus discursos, os netos de Rafael de Vega falaron do exemplo a seguir que marcou o seu avó. Neste sentido fixeron referencia ás novas xeracións, para que “encuentren en su historia un legado para construir una sociedad más justa y más humana y huyan de la desmemoria, porque los pueblos que olvidan su historia están condenados a repetirla”. Neste sentido, tiveron unha lembranza para todas as vítimas da dictadura. “Nos duele ver cómo hay quienes incluso en la actualidad quieren que esta se olvide y hasta se blanquee reescribiendo la historia. Pero para nosotros la memoria de nuestro abuelo siempre perdurará”, sinalaron.

Ao igual que Alonso Montero, os familiares de Rafael de Vega tiveron palabras de lembranza para a alcaldesa Paula Alvarellos e para a cidade de Lugo por este recoñecemento que contribúe a “recordarlo, repararlo y reivindicarlo”. Ademais, Santos de Vega Villa felicitou polo “muy merecido nombramiento al ilustre profesor Xesús Alonso Montero, del que tuve la suerte de ser alumno durante mi bachillerato en el instituto Lucus Augusti de esta ciudad”.

Un dos momentos máis emotivos do acto chegou coa lectura dunha das cartas que Rafael de Vega escribiu na celda número 33 do cárcere horas antes de ser fusilado.

Traxectorias

Xesús Alonso Montero exerceu como profesor no IES Lucus Augusti e na Escola de Maxisterio entre 1960 e 1975, converténdose nun referente intelectual e académico en Lugo. Durante a súa estancia na cidade, foi un activo defensor da cultura e da lingua galega, ademais de impulsar estudos clave sobre figuras da literatura galega. Posteriormente, ocupou a cátedra de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela e foi presidente da Real Academia Galega entre 2013 e 2017, consolidando a súa influencia na defensa da lingua e da identidade galega a nivel nacional e internacional.A proposta de distinción a Alonso Montero, recollida por Alcaldía, chega dun grupo de ex alumnos, compañeiros, camaradas e veciños de Lugo.

Pola súa banda, Rafael de Vega foi director do Hospital Municipal de Lugo, onde traballou para mellorar as condicións da asistencia sanitaria e loitou pola creación dun novo hospital. Ademais do seu labor como médico, foi deputado nas Cortes republicanas, comprometéndose coa mellora dos servizos públicos e coa defensa da igualdade no acceso á sanidade. A súa traxectoria vírase truncada en 1936, cando foi asasinado polos sublevados franquistas nun acto de represión política. A súa memoria segue presente na cidade, sendo un símbolo da loita pola xustiza social e os dereitos humanos. A iniciativa para o nomeamento de Rafael De Vega é unha proposta que xurde da propia alcaldesa.

Multimedia

  • O alcalde de Lugo apela “á memoria colectiva para construír a xustiza social”, nos nomeamentos de fillos adoptivos da cidade a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega Barrera
  • O alcalde de Lugo apela “á memoria colectiva para construír a xustiza social”, nos nomeamentos de fillos adoptivos da cidade a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega Barrera
  • O alcalde de Lugo apela “á memoria colectiva para construír a xustiza social”, nos nomeamentos de fillos adoptivos da cidade a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega Barrera
  • O alcalde de Lugo apela “á memoria colectiva para construír a xustiza social”, nos nomeamentos de fillos adoptivos da cidade a Xesús Alonso Montero e a Rafael de Vega Barrera

Noticias relacionadas