Os traballos, que finalizarán mañá na zona do Mirador, concentráronse nas primeiras horas da xornada aproveitando a menor afluencia de tráfico para diminuír molestias á veciñanza

A área de Medio Ambiente procedía hoxe a iniciar o acondicionamento da Volta da Viña, dentro do programa de roza anual municipal.
As tarefas, que rematarán mañá na zona do Mirador, comezaban a primeira hora da xornada, aproveitando a menor afluencia de tráfico rodado co fin de diminuír as molestias á veciñanza.
“Os traballos consistiron na retirada da maleza da ladeira e tamén na limpeza da terra acumulada pola escorrentía nas canaletas da beiravía”, explica o edil Álvaro Santos quen tamén deu conta da composición do dispositivo “no que participaron tres operarios con desbrozadora de man, un tractor, unha cisterna de baldeo mixto e unha barredora ademais dun camión para o traslado dos refugallos recollidos”.
A actuación enmárcase dentro da programación anual de roza do Concello para manter limpos os distintos barrios de maneira que, tras esta intervención, quedará concluída a contorna da Aceña de Olga e o operativo pasará, en vindeiros días, polas zonas de Augas Férreas, Avenida de Madrid, Albeiros, Castiñeiro e Casás, Sagrado Corazón, Galegos e Castelo.
Un mantemento que se leva a cabo de luns a sábado e no que ademais do labor programado se atende ás demandas que a veciñanza canaliza a través do servizo de Medio Ambiente.
Audio
- O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre o acondicionamento da Volta da Viña | Descargar mp3