Marco Topo: un xogo interactivo para gozar en familia e descubrir Lugo e a súa zona Muramiñae de xeito divertido e educativo

Lara Méndez, Liborio López, Rita González e o propio Marco Topo presentaron este xogo-guía turística interactivo de Lugo familiar que se alonxa das habituais formas de visitar e coñecer unha cidade e un proxecto europeo

Coa axuda dun mapa e un dispositivo con acceso a internet, as familias poden descubrir a cidade superando probas e preguntas sobre Lugo e a axuda dos fondos FEDER como dinamizadores da cidade e do municipio

Para xogar só fai falta conseguir, de xeito gratuíto, un mapa da aventura na Oficicina Municipal de Turismo de Lugo ou na Oficina EDUSI, dende o luns. Unha vez co mapa, hai que introducir o código da aventura en www.marcotopo.com

Este domingo, no Pazo Provincial dos Deportes, Marco Topo compartirá escenario co rei do Baile de Mascotas da ACB, Máximus, na xornada entre o Breogán e o Barcelona

Venres, 05 de abril de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Marco Topo: un xogo interactivo para gozar en familia e descubrir Lugo e a súa zona Muramiñae de xeito divertido e educativo

A estratexia DUSI de Lugo, Muramiñae: da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) incorpora unha acción para a súa divulgación entre os nenos e nenas de a partir de 3 anos. Trátase dunha iniciativa de índole turística sostible, Marco Topo, para gozar en familia e promover o coñecemento da contorna, maioritaraimente DUSI, entre os máis pequenos e pequenas, onde o único requisito é ter gañas de aprender e pasar un bo rato con todo o patrimionio.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao creador desta iniciativa, Liborio López, e unha técnica da Oficina EDUSI de Lugo, Rita González, acompañados do propio Marco Topo, presentaron este xogo-guía turística interactivo de Lugo no que, coa axuda dun mapa e un dispositivo con acceso a internet, se pode escubrir a cidade superando probas e preguntas sobre Lugo e a axuda dos fondos FEDER como dinamizadores da cidade e do municipio.

"Levamos preparando este proxecto con ilusión dende xaneiro, concretamente dende FITUR, onde o descubrimos, para poñelo en marcha coincidindo coa Semana Santa; un proxecto que serve para coñecer Lugo e a zona DUSI dunha forma distinta, a través dun produto turístico familiar que se alonxa das habituais formas de visitar e coñecer unha cidade e un proxecto europeo", subliñou Lara Méndez.

Pola súa banda, Liborio López agradeceu ao Concello pola confianza depositada por apostar por Marco Topo, que leva 3 anos de andadura e xa forma parte da oferta turística de 40 destinos e museos de todo o país, sendo o de Lugo o primeiro de Galicia; e de facelo ademais nun espazo como o existente entre a Muralla e o río Miño, "que hai moito que descubrir nela".

Probas en 12 puntos de interese

As distintas probas do xogo plantexaranse en distintos lugares emblemáticos de Lugo, guiados polas personaxes de Marco Topo, caracterizado de romano, e a súa irmá Marta Topo. Cada vez que se supere unha proba, os nenos e nenas, que se convirten tamén en protagonistas desta aventura, liberarán a unhas simpáticas criaturas escondidas pola cidade (os chamados Flopis), debendo poñer a súa pegatina no mapa para poder gañar a partida ao Doutor Topo Loco, un malvado científico. Tras superar todas as probas, os participantes recibirán un diploma.

Marco Topo é polo tanto, un xogo de exploración educativo pensado para que as familias con nenos e nenas de Lugo e de fóra do municipio realicen visitas autoguiadas, mentres descubren información e curiosidades. Para elo seguirán un itinerario que establece 12 paradas informativas en 12 puntos de interese: Parque Rosalía de Castro, Muralla de Lugo, Praza de Pío XXI, Catedral, Porta de Santiago, Porta Miñá, Sala de exposións Porta Miñá, Camiño Primitivo, zona verde do Pazo de Feiras e Exposicións, río Miño, Ponte Romana e Termas Romanas.

A aventura

Esta aventura componse dun mapa da cidade cun percorrido marcado, un set de pegatinas e unha app web onde se plantexan distintos retos e preguntas que convidan a explorar Lugo e investigar a súa riqueza cultural, histórica e paisaxística.

"Con esta nova experiencia didáctica e interactiva, dende o Concello queremos manter o interese dos máis pequenos en coñecer e descubir tanto a nosa cidade como a nosa estratexia Dusi e, ao mesmo tempo, facer posible que as familias disfruten xuntas. Facémolo ademais cunha proposta que combina o soporte papel e dixital, nun formato orixinal e sinxelo, e cun doble idioma: galego e castelán", asegurou a Alcaldesa.

Como conseguir o xogo?

Para xogar a Marco Topo só fai falta conseguir, de xeito gratuíto, un mapa da aventura na Oficicina Municipal de Turismo de Lugo ou na Oficina EDUSI, dende o vindeiro luns. Unha vez que a familia ten o mapa, introdúcese o código da aventura na páxina web www.marcotopo.com e empeza a aventura. Este mapa conta tamén con actividades basadas nos contidos de Lugo e vén acompañado dun agasallo en forma de imán.

Citas con Marco Topo

Este domingo, no Pazo Provincial dos Deportes, Marco Topo compartirá escenario co rei do Baile de Mascotas da ACB, Máximus, na xornada entre o Breogán e o Barcelona.

Ademais, este xogo será repartido polo propio Marco Topo, ao que o Concello de Lugo convidou o vindeiro vernes, 12, en xornada de tarde; nunha actividade infantil que daremos a coñecer estes días.

Audio

  • A alcadesa Lara Méndez, sobre o xogo-guía turística interactivo de Lugo, Marco Topo | Descargar mp3

Noticias relacionadas