A alcaldesa incide na necesidade da formación continua, “como instrumento fundamental para garantir a eficacia e eficiencia en todas as actuacións”.
O sarxento xefe do servizo destacou que “o manexo das ferramentas, o traballo en equipo e a coordinación son fundamentais para ser rápidos e eficaces no rescate”.
A formación foi impartida por persoal altamente cualificado de Seganosa, unha empresa de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou esta maña o parque de Bombeiros para interesarse polo curso de ‘Xestión estratéxica de emerxencias’, no que participaron os mandos deste corpo de seguridade a pasada semana.
A rexedora explicou que a formación continua “concíbese como unha ferramenta fundamental para garantir a eficiencia en todas as situacións de emerxencia”, engadindo que “é importante ter un corpo de Bombeiros formado na nosa cidade porque significa máis seguridade para a veciñanza”.
O curso “Xestión estratéxica de emerxencias. Síntese reflexiva e ordes gráficas” tivo unha duración de 28 horas e ao mesmo asistiron 6 mandos do corpo de Bombeiros. “Ademais da destreza no manexo das ferramentas, o traballo en equipo e a coordinación das tarefas é a única maneira de ser rápidos e eficaces no rescate” explicou Miguel López, sarxento xefe do servizo.
Un dos obxectivos desta formación, impartida en Salvaterra de Miño, por persoal altamente cualificado de Seganosa, empresa de recoñecido prestixio de ámbito nacional e internacional, foi dar “unha resposta eficaz ante situacións complexas, que precisan dunha boa xestión de mando e dun control estratéxico estruturado” explicou Miguel López, sarxento xefe do servizo.
Ademais dos mandos do SPEIS de Lugo, participaron representantes das xefaturas dos SPEIS de Pontevedra, Concello de Madrid e Comunidade de Madrid, o que “permitiu compartir experiencias relacionadas coa organización dos servicios así como nos procedementos de traballo antes das diferentes tipoloxías de emerxencias” sinalou Miguel López.
O ensino mesturou coñecementos teóricos con prácticas, exercicios e simulacros, con desenvolvemento de manobras en simuladores nas aulas co propósito de buscar a participación activa dos efectivos.
Para concluír a visita a rexedora quixo poñer en valor “o gran traballo que realiza o corpo de bombeiros de Lugo, unha labor que moitas veces pasa inadvertida pero que salva vidas a diario”.