Lara Méndez supervisa as obras de creación da nova pista de motocross de Teixeiro, que será referente no noroeste peninsular

As características do circuíto, con 2 quilómetros de pista e 10 metros de ancho, farano único en Galicia e apto para acoller competicións de carácter mundial.

Lara Méndez: “O trazado xa está finalizado e estase terminando de instalar o peche, a continuación levarase a cabo o acondicionamento do resto do recinto”.

Para a execución da nova pista, que levará o nome do laureado piloto lucense Jorge Prado, aproveitáronse os desniveis naturais do terreo.

Venres, 15 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa as obras de creación da nova pista de motocross de Teixeiro, que será referente no noroeste peninsular

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou as obras de creación da nova pista de motrocross que o executivo está a habilitar en terreos municipais na parroquia de Teixeiro. Fixóo acompañada do concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, así como de membros do Club Motopark, encabezados polo seu presidente, Miguel Ángel Vázquez, e os directivos Martin Pérez e Manuel Deibe.

Lara Méndez explicou que “estamos moi satisfeitos de comprobar o avance destas obras, que permitirán que Lugo conte co circuíto de motocross de referencia do noroeste peninsular, unha pista única en Galicia polas súas características e que poderá acoller competicións mundiais”.

Trátase dun circuíto de 2.000 metros de pista e 10 metros de ancho, medidas aptas para celebrar campionatos a nivel internacional. Para a súa execución aproveitáronse os desniveis naturais do terreo para facer parte dos saltos. Deste xeito, conta cunha ampla variedade de saltos e trazadas para todos os niveis; así mesmo, tamén disporá dalgún salto mais técnico para os pilotos máis experimentados.

A rexedora avanzou que “actualmente o trazado da pista xa está finalizado e están a rematar coa instalación do peche; a continuación, levaranse a cabo as correspondentes tarefas de acondicionamento e limpeza do resto das instalacións, para que o recinto poida estar operativo á maior brevidade posible”.

A parcela contará tamén cun espazo habilitado para o paddock e reservarase unha zona para realizar cronos de enduro. No deseño da pista tamén participou, achegando o seu coñecemento e ideas, o organizador do Gran Premio de España de motocross que se celebra anualmente na Comunidade de Madrid, Diego Muñoz.

O concelleiro Mauricio Repetto lembrou que a nova pista levará o nome do laureado piloto lucense Jorge Prado, quen, con tan só 20 anos, xa conta no seu palmarés con dous campionatos do mundo na categoría MX2, un europeo en 125 c.c. e un mundial en 65 c.c. Actualmente compite co equipo KTM na categoría raíña do motrocross (MXGP), sendo un dos máximos referentes do deporte lucense.

Multimedia

  • Lara Méndez supervisa as obras de creación da nova pista de motocross de Teixeiro, que será referente no noroeste peninsular
  • Lara Méndez supervisa as obras de creación da nova pista de motocross de Teixeiro, que será referente no noroeste peninsular
  • Lara Méndez supervisa as obras de creación da nova pista de motocross de Teixeiro, que será referente no noroeste peninsular

Noticias relacionadas