Lara Méndez: “O sistema público de pensións si é sostible, fixando poboación e con emprego de calidade”

A Alcaldesa participou na inauguración do XV Seminario de Atención ás Persoas Maiores de Galicia que por segunda vez organiza en Lugo a Federación de Pensionistas e Xubilados de CC.OO.

Martes, 07 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “O sistema público de pensións si é sostible, fixando poboación e con emprego de calidade”

“Non consintades que vos digan que o sistema público de pensións é insostible, que non se pode manter, porque si é sostible, fixando poboación e creando emprego de calidade”. A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, fixo estas manifestacións aos entorno de 70 asistentes ao XV Seminario de Atención ás Persoas Maiores de Galicia, que, por segunda vez na cidade, organiza entre hoxe e o xoves a Federación de Pensionistas e Xubilados de CC.OO.

Méndez, que participou na inauguración do congreso xunto a Jesús Varela Lodeiro, secretario comarcal de CC.OO. de Lugo, Julián Gutiérrez del Pozo, secretario xeral da Federación Estatal de Pensionistas do sindicato, e Ramón Sarmiento Solla, secretario xeral da organización sindical en Galicia, subliñou a necesidade de seguir reivindicando unhas pensións dignas, que manteñan o poder adquisitivo dos xubilados, como fixo o propio sindicato hai un mes cunha marcha a Madrid, “momento no que dende o Concello xa expresamos o noso apoio e colaboración a esta demanda, plasmados nunha moción aprobada no Pleno”.

Neste senso, a Alcaldesa destacou que Lugo ten as pensións máis baixas de Galicia, así como o peso fundamental dos maiores na sociedade, pois representan o 20% da poboación do municipio lucense, e o 40% deles contribúen á unidade familiar, ben con recursos económicos, ben colaborando para posibilitar a conciliación laboral.

Xunto ao sistema público de pensións, outros dos temas que se abordarán no Seminario de Atención ás Persoas Maiores de CC.OO. son a sanidade pública, fundamental “para a igualdade real”, subliñou Méndez, e a muller, dende as perspectivas da desigualdade, a pobreza e a violencia. 

Noticias relacionadas