Lara Méndez: “O debate do Museo da Romanización en San Fernando superouse hai unha década co compromiso entre Xunta e Concello”

A alcaldesa de Lugo incidiu no seu firme propósito de recuperar o cuartel para o Museo Galego neste mandato. “Buscamos as vías de financiamento. É a Xunta a que debe dicir se vai a investir e se vaino facer cos 10 millóns de euros prometidos ou con menos”

Méndez amosou o apoio municipal á xornada reivindicativa que prepara a Plataforma o vindeiro día 14 de marzo.

Mércores, 04 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “O debate do Museo da Romanización en San Fernando superouse hai unha década co compromiso entre Xunta e Concello”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, recibiu esta tarde aos representes da Plataforma pro Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando para falar da xornada reivindicativa que este unión de máis de 30 colectivos da sociedade civil lucense preparan para o día 14 de marzo.

A rexedora, que comprometeu o apoio municipal a esta iniciativa, incidiu no firme propósito do Goberno local de que a sede do Museo da Romanización de Galicia sexa no cuartel de San Fernando. “Temos a vontade e a determinación de que se materialice esta infraestrutura neste mandato, unha dotación histórica e cultural que é fundamental para a proxección económica, turística e patrimonial que xa ten constatada a nosa cidade”.

Para Lara Méndez, o debate público e político sobre cal debía ser o destino do Cuartel de San Fernando superouse en canto se adquiriu o compromiso por parte de todas as Administracións, autonómica e local, co fin que o inmoble se recupere para o Museo, “e para iso a cidadanía lucense no seu conxunto, e atendendo a unha demanda unánime investiu, a través da administración local, 2’4 millóns de euros na adquisición do edificio”.

A alcaldesa tendeu, unha vez máis, a man da colaboración “para que se cumpran os compromisos adquiridos como a única actitude responsable que cabe adoptar en prol do entendemento e da concreción de iniciativas boas para Lugo”.  Méndez destacou que “estamos facendo os esforzos precisos para recuperar o cuartel para o Museo, incluído tamén o de atopar financiamento ata completar o presuposto que conleva executar a obra, como así o comunicamos xa á Xunta. É o Goberno galego o que debe dicir claramente se vai a investir na creación do Museo, que será de toda Galicia e para o que prometeu 10 millóns de euros”.

Audio

  • Audio sobre o "Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando" | Descargar mp3

Noticias relacionadas