Lara Méndez busca protexer a hostalaría e o comercio propiciando a compra anticipada para inxectarlles liquidez

O Concello de Lugo lanza, coa Federación de Comercio e a Asociación de Hostaleiros, a campaña ‘Cos de Sempre’, a primeira que se pon en marcha en Galicia, para a venda de bonos con descontos para consumir tras a crise sanitaria.

Ademais da iniciativa para promover as compras, porase en marcha a plataforma municipal de pago dixital ‘Abrindo Lugo’, á que se poden adherir xa os comerciantes interesados.

A alcaldesa quere involucrar á veciñanza no proxecto para inxectar liquidez na economía de Lugo, “porque saír desta crise nos compete a todos, institucións e cidadanía”.

 
Mércores, 15 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez busca protexer a hostalaría e o comercio propiciando a compra anticipada para inxectarlles liquidez

“Queremos impulsar a posibilidade de que os veciños e veciñas de Lugo axuden aos seus comercios de primeira man, aos de sempre, aos que acoden a miúdo, comprando agora bonos dos seus produtos ou servizos con descontos para consumilos cando volvan abrir”, sostivo hoxe a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, durante a presentación da campaña ‘Cos de Sempre’, na que o Concello vai da man da Federación de Comercio e da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo.

Para iso, porase en marcha unha nova plataforma municipal online de apoio á economía de proximidade, Abrindo Lugo, liderada polo Concello e xestionada pola Federación, á que se poderán adherir de xeito gratuíto as tendas, restaurantes, bares e demais establecementos do municipio que permanecen pechados pola pandemia. A través desta pasarela de pago, a cidadanía poderá adquirir agora bonos con descontos e trocalos cando se restableza a situación de normalidade.

A rexedora presentou esta iniciativa, a primeira que se pon en marcha en Galicia, acompañada do concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, e dos presidentes dos comerciantes, José María Seijas, e da APEHL, Chehé Real. Méndez subliñou que o obxectivo “é involucrar á veciñanza para apoiar, entre todos, aos comerciantes que máis están sufrindo o parón da súa actividade, protexer os postos de traballo e evitar o peche dos pequenos negocios, pois son un elemento dinamizador da economía, que xera riqueza e fixa poboación”.

Lara Méndez incidiu que, sen os establecementos e servizos de proximidade, as cidades perden vida, “e iso implica que todos, institucións e sociedade, debemos traballar conxuntamente para que Lugo saia desta crise sanitaria con pulo e unha forma de conseguilo é inxectando liquidez á nosa economía”.  A rexedora explicou que a campaña se denomina ‘Cos de sempre’ porque “implica esa proximidade cos negocios dos nosos barrios”.

O edil Mauricio Repetto animou á participación nesta plataforma, “que denominamos Abrindo Lugo porque visualiza a preparación xa do momento despois da crise sanitaria”, tanto por parte dos negocios como dos clientes. “Mercando os bonos hoxe, o comercio recibe os ingresos adiantados aliviando a súa situación de crise actual”, aclarou.

Tanto José María Seijas como Cheché Real felicitaron esta iniciativa novidosa e fixeron especial fincapé no momento difícil polo que atravesan o comercio e a hostalaría. O presidente da Federación de Comercio destacou as boas perspectivas coas que nace o proxecto “porque sen proxectos deste tipo será máis complicado levantar as persianas de novo, e o comercio nos pertence a todos”. Pola súa parte, o presidente da APEHL dixo que “é nestas circunstancias cando teñen que tomar nota as administracións e esta é unha iniciativa política magnífica do Concello de Lugo, que dará liquidez aos establecementos”.

Funcionamento

O funcionamento da web é sinxelo. A cidadanía poderá atopar un listado de establecementos participantes ou buscar o negocio co que queren colaborar mercando algún dos bonos para consumir neles. Unha vez introducidos os seus datos, habilitarase unha pasarela de pago que permitirá abonar o custe do tícket ou bono, sen ningún tipo de comisión, e finalmente recibirán a confirmación da súa compra, que poderán desfrutar unha vez reabran os comercios.

Así mesmo, dentro da web habilitarase tamén unha opción denominada “Tícket solidario”, que permitirá a toda a cidadanía facer unha aportación voluntaria ao comercio e á hostalaría lucense. Os fondos que se recaden a través deste recurso benéfico, serán repartidos proporcionalmente entre os diferentes establecementos adheridos á iniciativa.

Esta plataforma enmárcase na campaña ‘Lugo é Capital’ que ten en marcha o Goberno de Lara Méndez para dinamizar as compras no comercio lucense e potenciar a imaxe dos pequenos establecementos da cidade.

Audios

  • Lara Méndez, sobre a plataforma Abrindo Lugo I | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre a plataforma Abrindo Lugo II | Descargar mp3
  • Cheché Real, sobre a plataforma Abrindo Lugo | Descargar mp3
  • José María Seijas, sobre a plataforma Abrindo Lugo | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre o funcionamento da plataforma | Descargar mp3

Noticias relacionadas