Lara Méndez afianzará neste mandato o impulso económico de Lugo, a súa transformación sostible e a súa proxección exterior

A alcaldesa tomou posesión destacando que será “esixente no labor diario”, “tanto no das pequenas cousas do día a día como nas grandes estratexias transformadoras”.

Lembroulle ao PP na oposición que a veciñanza fala cos seus votos “nun estado de dereito que se configura coas maiorías e as alianzas que mellor nos representan como cidadanía”.

Sábado, 17 de xuño de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez afianzará neste mandato o impulso económico de Lugo, a súa transformación sostible e a súa proxección exterior

Lara Méndez tomou hoxe posesión como rexedora de Lugo por terceiro mandato consecutivo nun salón de Plenos ateigado de cidadáns: “Esta é a terceira vez que me presento ante todos vós asumindo un dos retos máis apaixonantes da miña vida, ser a alcaldesa da cidade que elixín para asentar, desenvolver e compartir o meu proxecto de vida, o municipio no que decidín que quería ver medrar o que máis quero, á miña filla”.

A rexedora, emocionada, agradeceu a confianza dos e das lucenses para “seguir liderando un gran proxecto progresista e transformador”, polo que hoxe, dixo, “co mesmo orgullo e ilusión que no primeiro mandato, selo unha nova alianza de traballo e afecto coa veciñanza de Lugo para os vindeiros catro anos”.

No seu discurso de investidura, Lara Méndez debullou os retos e as accións que se asumirán no novo mandato, reflectidas no novo acordo marco para o goberno de coalición, “un novo contrato coa veciñanza que retomamos con diálogo e xenerosidade en prol de acadar unha acción gobernamental estable e cunha folla de ruta común, conscientes de que os intereses dos e das lucenses sempre serán para nós prioritarios ante as cuestións partidistas”, sostivo.

Na intervención, a alcaldesa citou unha reflexión sobre o devir das cidades do antropólogo e David Harvey, na que afirmaba que “o tipo de urbe na que queremos vivir está ligado ao modelo de persoas que queremos ser, ao tipo de vínculos sociais que buscamos, ás relacións coa natureza que mantemos, ao estilo de vida que desexamos e aos valores estéticos e éticos que defendemos” e, neste senso, destacou que a contestación a estas preguntas deseñan o noso modelo de urbe, “o patrón que estamos a conformar desde este Goberno de boas persoas do que me gusta falar e polo que volveron a apostar as e os lucenses tras 24 anos de políticas de progreso”.

Atender o urxente e o importante, xestionar as estratexias en marcha e proxectar o Lugo dos próximos dez anos – cuxas claves están recollidas na Axenda Urbana 2030 e que se foron conformando cos distintos colectivos sociais nos procesos participativos -, foron obxectivos do pasado mandato da alcaldesa, “que se caracterizou nunha nova mirada de facer cidade, máis naturalizada e resiliente, con novos pulmóns verdes recuperados, para avanzar na necesaria transición ecolóxica”.

Así, avanzou, “afondamos na construción dun Lugo sostible e máis accesible, que achega o seu gran de area para frear a emerxencia climática global, incidindo nas accións para acadar unha mobilidade neutra en carbono, onde as persoas sexamos as protagonistas fronte os vehículos, con novas construcións de madeira, menos contaminantes e de maior eficiencia enerxética, e cunha maior integración urbanística e social, xa que a revitalización de zonas agora degradadas axudará a conseguir un maior equilibrio entre a área urbana e a rural, entre os barrios e as parroquias, e unha maior xustiza social”.

Lembrou tamén que durante o pasado mandato, “demos novos pulos a medidas para impulsar a conciliación da vida familiar e laboral, para atender as persoas que sofren un dos maiores males que afrontamos, o da soidade non desexada, especialmente a xente maior, e tamén para o desenvolvemento persoal mediante a actividade deportiva, social ou cultural e a loita contra novas formas de desequilibrio”.

Méndez fixo especial fincapé nas medidas postas en marcha para a dinamización económica de Lugo, especialmente tras a pandemia, “que fixo imperioso asentar os piares da nosa reindustrialización mobilizando o maior investimento municipal da historia para activar ferramentas, xa en marcha, que nos axudarán a crear nestes vindeiros catro anos 4.000 postos de emprego de calidade, mil deles directos, en sectores tecnolóxicos e de innovación con alto impacto social e ambiental. Sen esquecer a oportunidade que se nos abre co primeiro Plan de Turismo Sostible, que debe permitirnos gañar en visitantes sen caer na “xentrificación” que ameaza a outros destinos”.

A continuación destas estratexias definirán o traballo municipal do vindeiro mandato, así como “darlle o impulso definitivo a nosa proxección exterior, que comeza xa a visualizarse en Galicia e fóra da nosa comunidade cunha narrativa que, xunto ao noso pasado, á nosa historia e ao noso patrimonio romano castrexo, e tamén natural e paisaxístico, inclúa a nosa capacidade de desenvolvemento de proxectos á vangarda das transformacións urbanas e do tecido produtivo.

É recoñecido no resto do país e en Europa o papel que estamos a xogar no deseño das cidades sostibles, e esa transcendencia debe actuar como un revulsivo do orgullo lucense, pero tamén de captación de investimentos que ven nesta cidade de tamaño medio un emprazamento atractivo para asentarse”.

“Todo este labor, esa Segunda Transformación, está xa en marcha. E a cidadanía falou, e lanzou a mensaxe de que non quere que se pare”, aseverou.

Maiorías e alianzas

A rexedora lembroulle á oposición que “cada un dos e das concelleiras que conformamos a Corporación nos situamos no lugar onde a cidadanía -plural e diversa- quixo co seu voto, nunhas eleccións libres e democráticas e nun estado de dereito que se configura coas maiorías e as alianzas que mellor nos representan como cidadanía. Este é sempre o primeiro acto de escoita activa que debemos exercitar e asumir como políticos, porque só así cumpriremos cada un de nós, o mellor posible, con seriedade, rigor e honestidade, os cometidos que nos acaban de encomendar”.

Lara Méndez pediu á Corporación “que non esquezamos nunca que somos servidores públicos temporais”, e comprometeuse a ser “esixente no labor diario”, “tanto no nas pequenas cousas do día a día como nas grandes estratexias transformadoras”, convidando a esta mesma reflexión á oposición, á que tamén lle pediu “valentía para proxectar o Lugo actual, así como o da futura década, coas súas propostas para mellorar o municipio e as súas críticas a xestión, sempre necesarias no seu labor de control, pero actuando sempre con boas praxis, interese polo entendemento e aplicando a lealdade e o amor obrigado pola cidade”.

“E nese escenario, se existe unha vontade construtiva real, seguro que poderemos atopar puntos de encontro. A miña man está tendida”, concluíu.

A alcaldesa, ademais, incidiu en que será un mandato reivindicativo fronte a outras Administracións, “porque son moitas as débedas históricas que seguirei reclamando incansablemente porque non nos resignaremos a unha Galicia que avance a dúas velocidades. Non renunciaremos ás infraestruturas, férreas e por estrada, que nos posibilitarán ser competitivos fronte ás outras capitais; nin dimitiremos do noso compromiso para reclamarlle á Xunta o Museo da Romanización no cuartel de San Fernando, que nos situará no lugar referente que nos merecemos como a urbe máis antiga de Galicia”, destacou, citando tamén outras necesidades como vivendas sociais, a zona pública de baño, as roldas pendentes ou as melloras na sanidade e na educación.

Parte persoal

A pandemia tamén estivo presente no discurso de investidura da alcaldesa. “Aprendín a valorar máis aínda a proximidade cos veciños e veciñas; o tempo que paso con eles cando as súas necesidades son as protagonistas das nosas conversas; os momentos de percorridos pola cidade e a zona rural na súa compañía; as festas nos barrios e parroquias ou as charlas cos máis pequenos, que me recoñecen e paran polas rúas, chamándome polo meu nome e ofrecéndome sempre un sorriso porque me identifican como unha veciña máis, pero máis coñecida”.

Méndez tivo, ao acabar, agradecementos para a súa familia, “pola súa xenerosidade xa que o tempo que paso no Concello o perden eles”, así como aos compañeiros de Goberno, que xa non repiten e “a aqueles concelleiros e concelleiras que traballaron desde a oposición con ánimo construtivo, que non silenciado, e que amosaron lealdade coa cidade”. “Me queda dar a benvida ao meu novo equipo, un equipo de servidores públicos disposto a escoitar todas as voces e a tentar atender todas as lexítimas demandas que nos sexan expostas. Benvida tamén ao resto da Corporación que senta neste salón de plenos por primeira vez, na casa de todas e todos os lucenses, que nunca esquezan que a eles nos debemos. Non os decepcionemos”.

Audio

  • A alcadesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a toma de posesión, como Alcadesa | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez afianzará neste mandato o impulso económico de Lugo, a súa transformación sostible e a súa proxección exterior

Noticias relacionadas