O enlace ao formulario de inscrición é o seguinte: www.formulario.xuventudelugo.gal
A mocidade de 14 a 35 anos interesada en participar pode incribirse dende hoxe a través do formulario da páxina web xuventudelugo.gal
Dentro da programación ata xuño, figuran 8 rutas, contemplando andainas de dificultade fácil, moderada e alta; para a xuventude que se está iniciando e para a máis experimentada

Este sábado, 20 de marzo, volven as rutas a pé para a Xuventude Activa. Así o vén de recordar a Concelleira de Muller, Igualdade e Xuventude, Ana Abelleira, quen adiantou que a mocidade de 14 a 35 anos interesada en participar pode inscribirse dende hoxe a través do formulario da páxina web xuventudelugo.gal. As e os menores de idade irán acompañados por unha persoa adulta. Cumprindo coas indicacións e medidas sanitarias, faranse dous grupos de 4 persoas.
Trátase dun calendario de rutas, enmarcada na programación do primeiro semestre de Xuventude, no que figuran 8 rutas ata xuño; contemplando andainas de dificultade fácil, moderada e alta; tanto para xuventude que se está iniciando no sendeirismo como para a máis experimentada. Deste xeito, Xuventude aposta unha vez máis por unha programación que ten á natureza como principal protagonista, ofrecéndolle ás mozas e mozos novas alternativas de lecer saudables e sostibles; que combinan deporte e medio ambiente; ao tempo que se relacionan con outros rapaces e rapazas da súa idade.
O primeiro destino elixido é o Courel, cunha ruta de 16 quilómetros e dificultade moderada polo Monte Cido e a Devesa da Rogueira. Moitos historiadores sitúan no Monte Cido ao mítico Monte Medulio, derradeiro bastión da resistencia nativa fronte á invasión romana. Este monte, integramente de rocha caliza, é unha lomba que agocha no seu interior multitude de covas quese supón que foron empregadas polos nativos para protexerse dos romanos e, moi probablemente, foran tamén refuxio dos Maquis durante a Guerra Civil. No seu cordal atópase un dos castros máis grandes de Galicia con máis de tres kms de lonxitude, destacando, a vexetación maiormente mediterránea coa presenza de orquídeas. Desde o Cido, e sempre con espectaculares panorámicas, as persoas participantes irán cara a Devesa da Rogueira, o bosque máis importante de Galicia e unha das zonas con máis biodiversidade do continente.
Participación
A participación en cada actividade, que é gratuíta, seguirá a seguinte orde de prioridade e por rigorosa orde de inscrición:
- Mozos e mozas de 14 a 35 empadroados no Concello de Lugo (achegando de xeito obrigatorio declaración responsable de empadroamento, que o Concello poderá comprobar)
- Mozos e mozas de 14 a 35 anos, que traballen ou estuden no municipio de Lugo (achegando copia do contrato de traballo ou matrícula do centro educativo regrado no que estuda)
- Mozos e mozas de 14 a 35 anos que residan en municipios limítrofes.
- E sempre e cando queden prazas vacantes, resto de poboación non superando o 10% de prazas ofertadas en cada actividade.
O punto de partida e de chegada é a Casa da Xuventude. A Concellería solicita avisar no caso de ter praza e non poder asistir.
A programación
A programación está suxeita ás posibles restriccións impostas polas medidas de prevención derivadas do Covid. Tanto o límite de participación como as actividades a realizar pódense ver modificadas en función das limitación existentes nas datas sinaladas.
27 de marzo |
A Fraga das Reigadas (A Pontenova) Distancia: 14 km Dificultade: Moderada |
17 de abril |
Arqueoastronomía nos Chaos de Amoeiro (Ourense) Distancia: 10 km Dificultade: Fácil |
24 de abril |
Ribeira Sacra lucense do Sil: Muíños e Castro do Xábrega (Os Chancíns) Distancia: 14 km Dificultade: Moderada |
15 de maio |
O Courel: Baldomir – Castro da Torre Distancia: 16 km Dificultade: Moderada |
29 de maio |
Serra do Xistral: O Cadramón (1.056 m) Distancia: 14 km Dificultade: Media |
12 de xuño |
Os Ancares: Pico Miravalles (1.966 m) Distancia: 13 km Dificultade: Media-Alta |
26 de xuño |
Ribeira Sacra: Senderismo (Bosques máxicos de Castro Caldelas) + Ruta en Kayak (Doade) Ruta: 12 km, moderada Kayak: 2 horas |
Máis info
- 20/03/2021 - Monte Cido e Devesa da Rogueira. O Courel (Programa) | Descargar pdf