A Deputación amplía o paseo interior da Muralla coa demolición das dúas últimas edificacións anexas ó Pazo

Martes, 26 de abril de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Con esta iniciativa, Concello e Deputación dotan ós veciños dun novo espazo para o seu desfrute, xa que quedará dispoñible como área de paseo ó pé do Monumento

A Deputación iniciou este martes os traballos de demolición de dúas edificacións, situadas na parte traseira do Pazo de San Marcos -ó carón das oficinas do Parque Móbil- cos que o organismo provincial incorpora os xardíns de San Marcos ó paseo interior da Muralla. Trátase da última actuación contemplada no obxectivo do Plan Urban de recuperar esta parte como zona de estancia, e súmase á levada a cabo no mes de febreiro, que incluíu o derrubamento do muro que impedía abrir este espazo, situado na mesma zona, ó Monumento bimilenario. No inmoble que se está a demoler residían parte das instalacións xerais da calefacción que agora se trasladaron ó fondo do garaxe da Deputación. Deste xeito, con esta actuación, Deputación e Concello dotan ós veciños dun novo espazo para o seu desfrute, xa que permite acadar uns 250 metros transitables.

Logo do remate destes traballos, procederase ó acondicionamento da zona que quedará dispoñible como área de paseo ó pé da Muralla. Deste xeito, este espazo pavimentarase con céspede, deixando un paseo en pedra. As edificacións derribadas ocupan unha superficie de 70 metros cadrados.

Esta iniciativa inclúese dentro do proxecto de peonalización da rúa San Marcos, cuxas obras avanzan a bo ritmo. Precisamente, esta é unha das actuacións máis ambiciosas do Plan Urban, programa cofinanciado nun 70% pola Unión Europea. Para facer esta obra, a Deputación cedeu ó Concello de Lugo a propiedade dos espazos da parte frontal e dos laterais da Muralla para o seu acondicionamento e uso con acceso público. A entidade local responsabilízase do acondicionamento e mantemento.

A intervención que se fará sobre esta zona incluirá ademais da peonalización da rúa, da recuperación e adecuación dos calexóns que conectan San Marcos coa Muralla e da adecuación dos xardíns como zona de estancia dotándoos de mobiliario urbano, axudas económicas por valor de 300.000 euros destinadas a mellorar os locais de negocio da zona.

O Plan Urban permitirá a reactivación do casco histórico. Ten un investimento de 14 millóns de euros, dos que a Deputación aporta 3 millóns ó igual que o Concello e 8 o Ministerio de Administracións Públicas.

www.lugo.es/urban

 

Multimedia

Noticias relacionadas